20 de enero de 2020
20.01.2020
"QUÉ DUDA CABE!"

Son case os mesmos que comezaron

19.01.2020 | 23:43

Van catro seguidos. E poden ir máis porque a cabeza mudou, mudárona os resultados. Só facía falla gañar un partido no límite para que todo fose distinto e ese encontro foi o derradeiro da segunda volta perante o Tenerife. Ese partido no que o rival empatou no minuto 90 por un penalti parvo, por mor da situación mental dos futbolistas, e no que o Deportivo gañou no minuto 94. Ese gol de Peru Nolaskoain foi o comezo. Despois chegou Soria, e o Racing de Santander, este en Riazor, diante do que houbo que remontar e despois aguantar 35 minutos en inferioridade. Isto é o futbol, un estado anímico, algo que Fernando Vázquez manexa moi ben alén das outras virtudes que ten como adestrador. Porque non esquezamos que o de Castrofeito está a empregar os mesmos futbolistas que comezaron a temporada, eses que deron o primeiro paso diante do Tenerife e seguiron avanzando nas tres xornadas que Vázquez leva á fronte do equipo . Algo fará ben. Pero que non se esqueza outra cousa, que dos once titulares de onte dez xa estaban e oito chegaron da man de Carmelo del Pozo, ademais de ter na súa lista a Sabin Merino; e os tres que entraron en substitución dun compañeiro tamén estaban con Anquela e Luis César. É un dato. Son os mesmos, case. Porque ese troco? Pola dinámica, pola confianza e, por suposto, polo labor do adestrador. Pero vai ser que non había tan malos futbolistas. A permanencia está a un punto, como despois do partido do xoves, pero con dous triunfos máis. E sobre todo con outras sensacións, que son tan importantes como os puntos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes