Cando todo ten que saír ben, sae ben sen importar nin como nin cando. Non sei se haberá alguén que pensase en que o Deportivo ía gañar onte, máis conforme pasaban os minutos. Eu desde logo non acreditaba na vitoria, nin ninguén dos que ollaron o partido no mesmo bar ca min. Ninguén, ninguén... O meu amigo Paco case nos come a todos por sermos "homes sen fe". O argumento xeral era que sen tirar a portería non podías marcar e se non marcas... Pois iso. Mellor empate a cero. "Imos tirar unha vez e imos marcar!", insistía. Chegou a falta, e dixo "agora vén o gol". Non lle quedaba outra, non había tempo para nada máis. Non pagou os callos, claro. Sete de sete e outra vez a meta a cero. Lembrei con este partido un clásico galego en Riazor, no que o Celta fora moito mellor, pero xurdira Djalminha, preparara o balón co calcañar, e cunha rosca perfecta fixo o único gol. Laiábanse os celtistas de que o Deportivo só tirara unha vez a portería, eis a resposta do mestre don Rodrigo: "Que non se queixen porque se chegamos tirar máis...". Pois onte o mesmo, que non se laien os do Alcorcón, xa que o Deportivo so tirou unha vez. E abondou para dar un pasiño máis cara adiante. E ten razón Fernando Vázquez cando afirma que non gañas sete partidos seguidos só pola fortuna, ten que haber moito máis. Onte, para min, algo salientábel foi que o adversario non rematou nunca desde dentro do área, certo que o fixo desde lonxe e certo perigo „algo que haberá que coidar„, e iso é traballo. Pero terá que recoñecer o adestrador que un chisco de sorte sempre inflúe.