Desde fóra semella complicado adoptar unha decisión como a que tomou onte Fernando Vázquez cando decidiu que xogase Sabin Merino na vez de Koné. É unha verdade absoluta que o dianteiro vasco marcou en cada un dos partidos que xogara coa casaca deportivista „catro de catro„, como tamén o é que o marfileño cumpriu co seu tanto na xornada anterior en Santo Domingo perante o Alcorcón. Os atacantes viven do seu acerto cara a portería adversaria, e Merino presenta mellores números que Koné, pero este soubo aproveitar a súa oportunidade por mor da doenza do biscaíño. Xogar cos dous? Manter o último que xogou? Recuperar ao mancado que soubo manter unha intensa relación co gol? Só o resultado final pode falar do acerto ou non do adestrador branquiazul. Pois o que podía ser motivo da clásica discusión de seareiro pasou polos golazos de Mollejo e de Álex. A oitava xa estaba moi preto, iso que o Deportivo xogou case todo o partido sen balón, e sen o seu líder no centro da defensa, mancado no minuto 10. Pero todo isto pasou por mor dos ciumes dun paisano que era o que mandaba, e que quixo que todas as luces estivesen enriba del, Vázquez Figueroa. En pouco acertou, e digo acertou porque nese pouco que pitou ben non puido ser por sabedoría. Unha cousa son os erros, outra o que fixo este individuo onte en Riazor. Non ten nivel, xa non para o fútbol profesional, tampouco para outra categoría. O seu papel ten que ser outro. O peor de todo é que quizais xa o sabe. Ou sexa, que non foi tan importante quen xogase: Sabin Merino ou Koné.