Cousa rara esta do futbol que despois dunha xornada negativa resulta que o Deportivo está máis lonxe do descenso e máis preto da promoción de ascenso. Só é un puntiño máis cara abaixo e outro menos cara arriba. Está o equipo nun lugar intermedio que leva a mover o pescozo cada fin de semana, tanto movemento vainos causar unha postura que a saber cara onde acabamos ollando. Quizais sexa máis axeitado fitar cara a fronte e manter o camiño marcado coa idea de manter o ritmo axeitado que conduza a eses 50 puntos precisos para asegurar a categoría, non vaia ser que se descontrole todo e apareza unha focacha na que asolague. Digo eu. Fernando Vázquez vén dicindo hai tempo que chegarán as derrotas, porque a competición é o que ten; mais, estamos preparados? Escribín antes o da xornada negativa porque non gañar na casa non é bo, malia que sexa perante o equipo máis poderoso da categoría. Tamén o foi polo resultado ao seu prol que tiña o conxunto coruñés. Certo que a igualada chegou como consecuencia dunhas decisión partidarias de quen ten que facer xustiza, na teoría. Esas cousas poden pasar outra vez, por iso concordo co adestrador e con quen pense que de momento hai que ter a ollada fixa no obxectivo, que son eses 50 puntos. A partir de ese momento, que chegará, haberá que buscar outra meta que manteña viva a ilusión. Dá igual cal sexa e como se chame, pero hai que manter un lume que faga de Riazor o que é, tal como está outra vez. E iso só o dá a necesidade. Deste xeito non nos arriscamos a romper o pescozo; tampouco a cabeza.