27 de febrero de 2020
27.02.2020
Fernando Vázquez | Adestrador do Deportivo

"Ata que deixe ao Deportivo en Primeira División, non me retiro"

"É unha honra que me comparen con Arsenio, pero non podo aspirar a nada diso. Aínda me falta moito, falta o máis difícil, pero se a xente me quere dicir que son coma Arsenio, só podo sentir honra"

27.02.2020 | 00:11
"Ata que deixe ao Deportivo en Primeira División, non me retiro"

Nin mago, nin milagreiro, nin psicólogo. Fernando Vázquez (Castrofeito, 1954) foi, é e será sempre "adestrador de campo" por enriba de todas as cousas. Esa é a etiqueta que mellor define a todo un veterano dos bancos, con máis de 500 encontros dirixidos no fútbol profesional (357 en Primeira e 149 en Segunda), pero que se sente coma un rapaz. Pura enerxía, e moita sabedoría, coas que resucitou nun tempo récord a un Deportivo moribundo, ao que agarda primeiro salvar e logo devolver á máxima categoría: "Ata que deixe ao Deportivo en Primeira, non me retiro, sempre e cando o deportivismo me queira".

Remata o Entroido, de cativo gostaba de disfrazarse?

Non demasiado, ata lle tiña medo. Antes querían asustar realmente os rapaces. Téñome disfrazado algunha vez cando era profesor.

Seica moitos o ven cun traxe de mago, coma se tivese unha variña máxica.

Quen non me coñece. Só hai que estudar o currículum e se alguén me quere coñecer de verdade, que mire que tipo de adestrador son. Considero que un adestrador ten que ter competencias emocionais, psicolóxicas, comunicativas, pero o capital máis importante do adestrador é a súa competencia técnico-táctica. É o director dun grupo a nivel estratéxico e táctico para gañar, esa é a competencia máis importante dun adestrador e eu creo que a teño. A partir de aí, falamos doutras cousas. Tamén son importantes, pero secundarias con respecto ao primeiro.

Moléstalle que o valoren só coma un motivador?

Non é que me moleste. A veces si, porque considero que son adestrador. Non descarto esas outras calidades, que son parte importante, pero gústame que me valoren como técnico, como director de grupo. Considero que todos os adestradores teñen que ser dalgunha maneira intervencionistas. Para iso adestras.

De que vén esa etiqueta?

De procesos como este, aquí no Dépor. Na primeira etapa aquí pasou algo parecido. Tamén pasou en Mallorca, en Oviedo... Estou un pouco acostumado. Ten que ver coa miña imaxe externa de cara á afección, que leva a facer un xuízo sobre min coma se o meu lado extraadestrador fose tan ou máis importante que o de adestrador. Quizais me ven como que me relaciono correctamente coa afección. Ninguén me ve dentro do vestiario. Eu son consciente do que fago. Se xuntas todo iso, parece un motivador de masas, e de aí quizais veña un pouco iso.

Vostede non foxe diso.

Penso sobre iso. Teño os meus anos. Síntome un pouco na última fase da miña carreira. Teño a miña idade. Ata me resulta máis doado facelo. Sáeme máis. De aí vén un pouco iso, pero eu sempre teño opinado de case todo. Por que non? Por que a xente se estrana de que un adestrador poida opinar? Calquera opina de fútbol. É raro que a xente se poida sorprender e a veces cabrear porque eu opine. Se cadra pode ser que algunha xente diga: "por que non calas?" Seguramente terán razón, ou non. Non sei.

Despois de cada partido en Riazor centos de persoas agárdano na rúa, séntese unha rock and roll star ?

Non sei. Digamos que intento devolverlle un pouco á afección o que me dá. Non os evito. Estou alí, paso un tempo con eles e anímoos a que sigan estando co equipo e indo a Riazor.

Cando sae do estadio e ve tanta xente aí fóra, cal é a súa reacción?

De sorpresa, un pouco. Sei que me esperan unha hora. A culpa é dos teléfonos móbiles, cando estás coas fotos e esas cousas. Quen inventou a cámara nos teléfonos?


Sente máis o peso da responsabilidade por non fallarlles?

Iso si. É algo que sente o adestrador con moitísima frecuencia. Cando se acerca o partido, cando chegas ao estadio no autocar... Ás veces, cando estou no bus antes de baixar, gustaríame ser afeccionado. Esa responsabilidade de que eses miles de persoas ou unha cidade enteira estea pendente de que o Deportivo gañe é unha responsabilidade que che pode afectar. Eu creo que a levo ben. Esa hora antes do partido... Cando empeza a competición xa estás metido pero antes, o día anterior... A xente pensa que ser adestrador... gañan cartos... Si, bueno, pero eu recoñezo que vivo moi ben cando non estou traballando de adestrador, sen esta tensión, sen esta montaña rusa dos venres e os sábados. Segundo pasa a semana parece que se che vai acortando un pouco a vida, vai aumentando a presión. Como manexas a presión? Non é so para o adestrador, é tamén para os xogadores. Teñen que soportala e rendir baixo esa presión, e non é fácil.

A primeira derrota con Vázquez chegou en Zaragoza. Agora toca reaccionar. Contra o Lugo vaise ver de que pasta está feito o equipo de verdade?

Non creo que sexa ese o problema, sinceramente. O equipo vai estar regular, porque tamén é unha cuestión de adestramento, de regularidade. A derrota é inevitable e nalgún momento tiña que chegar. Chégalle a todo o mundo. Podes perder e conseguir o obxectivo, e estamos niso. O equipo vai estar ben. Xogamos contra un rival difícil, que a xente non crea que é doado. O Lugo é un equipo complicado e perigoso, e sabe que en fútbol profesional nunca perdeu contra o Deportivo. Veñen a Riazor coa súa xente, en estado ascendente, e nós imos xogar outra final en Riazor.

A derrota serviu para baixar da nube aos que soñaban co play off ?

Eu non impido que soñe ninguén pero nós estabamos na lectura de que tiñamos que gañar cinco partidos máis, ou seis, e niso estamos. A partir de aí, se hai tempo, cambiariamos obxectivos, iriamos a polo máximo que puidermos acadar, pero de momento miralo desde o outro ángulo, cambiar a perspectiva, pode ser negativo, podería significar que en vez de intentar axudar se cadra se volve un pouco máis crítico. Non é este o momento de facelo ata que teñamos os 51 puntos.

Hai dous meses e medio, calquera firmaría estar agora fóra do descenso.

Por iso. O paradigma, o punto de vista co que miras unha cousa, é moi importante. Se a cousa fose máis lenta, o ter saído do descenso fora un camiño máis prolongado, non habería ningún tipo de dúbida. A xente seguiría superenchufada. O que ten que entender a xente é dicir: "imos conseguilo". E eu prométolle que se o conseguimos e temos percorrido... Faríanos unha ilusión tremenda. Sería un dobre premio. Daríanos un plus de enerxía incrible.

Quere deixalo en Primeira como sexa antes de retirarse?

Eu sei que estou na última parte da miña carreira, pero eu quero deixar ao Dépor en Primeira División e, se é posible, en Europa. Despois, pensarei se me retiro ou non. Ata que deixe o Deportivo en Primeira, non me retiro, sempre e cando o deportivismo me queira.

Aínda que tarde catro ou cinco anos?

Iso non está planificado no Deportivo. O que está é seguir en Segunda e para o ano intentar o ascenso.

Volveu nunha situación crítica, temía arruinar o gran recordo que deixara na outra etapa?

Eu sei o que son, e sei o que estudo e o que traballo. Confío no meu traballo, teño a seguridade e non penso en que vou a fracasar. Eu no Deportivo fíxeno ben, se o fixera mal seguramente tería a porta pechada. Esa é unha gracia que me concede o deportivismo, a outra é que o meu cese, dalgunha maneira, fíxolle ver á afección que merecía algo máis. Quero pensar, é o que teño eu na cabeza, que pensan que me maltrataron. Iso a min favoréceme. Non debería explicar isto, pero quero entender como pensa a xente. Eu volvo porque é o Deportivo. Se fose outro equipo se cadra non viría nesas circunstancias. Veño porque para min o Deportivo non é calquera cousa. Volvería ao Dépor sempre, pero tamén busco un pouco a gloria, é inevitable. Por exemplo: o que fixo Arsenio. Pasou un momento dificilísimo e levouno a Primeira. Facer algo parecido para min sería impresionante. Eu tamén busco iso e é un reto persoal e deportivo.

Non pesa que o comparen con Arsenio?

Nada. A min non me molesta. Con Arsenio, na etapa dos dous na selección galega, tiven moitas conversas, entendino un pouco mellor e collemos confianza. Pero para que me comparen con Arsenio aínda me falta moito, falta o máis difícil.

Ten esa aspiración de chegar a ser coma el?

Para min é unha honra que me comparen con Arsenio, pero non podo aspirar a nada diso. Se a xente voluntariamente me quere dicir que son coma Arsenio, só podo sentir honra.

Gustaríalle seguir vinculado ao Deportivo despois de deixar de adestrar?

Non o teño claro. Non sei se me gustaría ser unha especie de asesor ou se me gustaría escribir e comentar, porque eu tamén teño ganas de dicir o que penso cando escribo un artigo.

Despois dos dous goles encaixados en Zaragoza á saída de córners, trocará o xeito de defender ese tipo de accións?

Apelo ás estatísticas a balón parado e somos dos mellores da categoría. Non ten sentido criticar ao equipo polo feito de que esteamos máis ou menos afundidos. No primeiro gol, si, pero o segundo é un centro á área e remate. Teremos que mellorar. Vou estudalo e miralo. Considero que o que funciona tes que retocalo para mellorar, pero de aí a facer unha transformación total, non.

No terceiro gol Peru Nolaskoain comete un erro puntual, repénsase a súa aposta de situalo de central?

Non me repenso nada. Tal e como está actualmente construído o Deportivo, Peru será central. Podería alternar con Álex, digámolo así.

Reubicar a Peru non é perder un gran medio para gañar un bo central?

Eu non lle poño adxectivos. Eu creo que vou facer un bo central, un gran central. Gran? Vai depender da súa evolución e tamén do aspecto persoal, do que quere realmente Peru, pero o que ten que facer é mellorar.

O que quere está claro, é xogar no centro do campo.

Bueno. Ás veces, se ti queres triunfar no mundo profesional, calquera adestrador prefire un xogador polifacético. Vino xogar de central no Athletic. Xogaba de central e de mediocentro. Que volva ser central paréceme normal, pero que volva ser un gran central sen erros. Tamén erran Sergio Ramos ou Piqué. É un erro que non se debería permitir, porque lle baixa o caché. Non tivo a tensión ou a concentración suficiente. Son cousas que hai que aprender. Teño unha liña de tres centrais moi novos.

Ten claro cal vai ser a fichaxe, central ou mediocentro?

Non o teño claro. Aínda non me ofreceron nada. Non sei exactamente en que está traballando Richard Barral.

Cal é a súa preferencia?

Non teño preferencia. Seguramente o central sería o máis lóxico pero se me ofrecen un centrocampista dun nivel tal... O que poida dar máis ao equipo. De inicio o normal é que veña un central.

Mellor veterano?

Talento, un tío con talento. Non me faledes de anos.

Pero os outros tres centrais son moi novos.

Dáme igual. Talento. Cando a xuventude amosa talento, non é presionable ese talento máximo. Prefiro que sexa mozo a que sexa maior, loxicamente se é noso o futbolista.

Terá ás súas ordes a Somma a próxima tempada?

Non me preguntedes tan lonxe. Non sei nin como está o contrato.

Remata en xuño.

Será cuestión de falar. Evidentemente, só digo que o rapaz merece un recoñecemento do club, pero ata ese extremo non me quero mollar por se meto a pata. Non sei exactamente o que vai pasar.

Chegou nalgún intre a pensar en retomar a docencia?

Non. Bueno, nalgún momento si. Ata unha vez fun á consellería preguntar, pero no fondo sabía que non quería volver, que volvería adestrar. Fun ver como estaba a situación. Eu estaba en excedencia indefinida e fun preguntar como eran os pasos.

As ferramentas de mestre serven tamén para os deportistas profesionais?

Claro que valen. O primeiro que vale é a tranquilidade de falar ante a xente. Estaba acostumado a falar. Un profesor non é só chegar alí e dar clase. Ten que controlar a clase e a disciplina, manter a orde. A partir de aí podes ensinar e educar. Iso dancho 40 alumnos. Un equipo é coma unha clase doutro nivel.

Onde atopou persoas máis inmaturas, nunha aula ou nun vestiario?

Nunca encontrei cousas raras. Nunca tiven problemas realmente nos vestiarios. Con moi poucos futbolistas, e cando tiven un problema solucioneino fácil. O aspecto comunicativo é fundamental. Ser adestrador é tamén cortar coa outra parte. Por moi bo adestrador que sexas, se non queren... O 50% é a outra parte. Ten que querer aprender. Como consegues iso se non tes comunicación? Para ser adestrador de nivel os xogadores teñen que querer aprender. Aínda que sexas extraordinario, incrible, se a clase non quere aprender...

Algúns dos seus xogadores recoñeceron que lles sorprendera o actualizado que estaba, como cre que o ven?

Por que vou estar desactualizado? Unha cousa é ser maior, ou ter certa idade, e outra é estar caducado. Sorpréndeme que os meus futbolistas pensaran que fose un motivador, porque nese aspecto nunca me viran. Onde me vistes motivador? Na primeira etapa do Dépor? Si, correcto. Entón si. Viron ese aspecto que che digo e din: este é un tribunero.

Nunca lle deu medo esa etiqueta de tribunero?

É que eu non son tribunero. Considero tribunero outro tipo de adestrador. Eu vou á rolda de prensa e falo de fútbol, non falo doutras cousas. A xente que me vía externamente no Compostela, Oviedo e Mallorca dicía que era un tipo moi serio, pero porque non me coñecen. Eu de serio non teño nada. No meu traballo son serio, pero despois son un charlatán, falo... Non teño ningún problema dese estilo, e porén a xente que me ve pola tele di que son serio. Cada un fórmase a imaxe de cadaquén. Tribunero é unha palabra negativa, é o que predica pero non fai. Vive só da palabra, pero despois no campo fai poucas cousas. Eu son adestrador de campo e dirixo o meu equipo, coma un director de orquestra.

O presidente, Fernando Vidal, di que o ve agora máis maduro...

Non sabería dicir. Se cadra estou máis tranquilo e cheguei a certas conclusións. Tampouco sei por que di que estou máis maduro. É posible que estea un pouco diferente, que me sinta máis relaxado e incluso máis apaixonado e con ganas de traballar. Divírtome máis e son diferente nos adestramentos. Admito que algo diferente podo estar, máis maduro é una valoración positiva que lle agradezo a Fernando Vidal.


Despois de tantos anos adestrando, pódese falar dun estilo Fernando Vázquez?

Xoguei de moitas maneiras diferentes, hai xente que di que son defensivo e noutras épocas dicíanme que era demasiado ofensivo. Son un adestrador metódico que intenta equilibrar os seus equipos, pero despois intento adaptarme ás necesidades do meu equipo e dos xogadores. Creo que esa debe ser a virtude dun adestrador, non adestrar ou xogar para gustarse a un mesmo. Gustaríame xogar doutra forma no Deportivo, pero teño máis seguridade así, o que non quere dicir que da outra maneira non se conseguiran resultados. Hai que evolucionar, pero con seguridade e sen perder a fiabilidade defensiva. Ese é o reto.

Estaba seguro de que cando deixou de adestrar volvería atopar un equipo?

Deixei de adestrar despois do Celta non porque non tivese ofertas, senón porque me sentía baleiro, sen enerxías, sen paixón. Cando adestras a un equipo tes que estar moi apaixonado e moi entusiasmado, senón é moi difícil. Os xogadores notan que non estás en forma. O adestrador ten que estar en forma tamén. Estar en forma non son os coñecementos, é estar capacitado para dirixir a 20 persoas para facelas traballar sabendo que vai haber derrotas. Eu perdín esa paixón cando deixei o Celta e ata que a recuperei pasaron algúns anos. Ao terceiro ano xa sabía que quería adestrar, pero tamén sabía que o tería máis difícil. A miña liña comunicativa cando non estou adestrando non me beneficia nada porque desaparezo. Para traballar hai que estar nos campos ou comentando partidos e non debería ser así. Eu esa norma non a sigo.

Vivir en Santiago permítelle non estar coa presión as 24 horas do día?

Se durante a semana te separas un pouco diso e non vives na cidade creo que é beneficioso. Eu vou pola estrada moitas veces a Santiago, iso é unha baixada de tensión. En Santiago é coma se estivese noutro mundo, non sinto que estea rodeado de deportivistas, non sinto a presión da cidade, estou nunha cidade allea, aínda que alí hai deportivistas tamén.

Que lle parece que un banco vaia a ser o dono dun club de fútbol?

Na situación na que está o Dépor é a solución perfecta, aínda que supoño que será transitoria. O movemento que se fixo con Abanca, e o anterior de pasar a débeda con Facenda, hai que recoñecer que foron xeniais. Co que está pasando agora o horizonte do Dépor abriuse. Esa é a causa máis importante de que Riazor se volva encher porque a xente se esqueceu de a ver que pasaba co Deportivo. A afección pon as luces largas e ve que hai seguridade. A xente agora só se dedica a ver o aspecto deportivo e que o equipo non baixe a Segunda B, pero aínda así non tería problemas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes