Julio Díaz (Cesuras, 1948), o preparador que ascendeu o Lugo a Segunda División en 1992, quedou marabillado cun técnico húngaro que atopou en Ceuta que lle falou da defensa en zona, colleulle "o gustiño" e, a súa volta a Galicia, foi guía para moitos adestradores como mestre de táctica en INEF e na Escola da Federación Galega, entre eles, Fernando Vázquez. O de Castrofeito destacaba e das aulas pasaron aos faladoiros e de aí a darlle a súa primeira oportunidade cos rapaces en Lalín. A relación mantense con quen Vázquez considera mentor e ten como punto de apoio.

Que fai diferente a Vázquez?

Un tipo esperto, un tipo listo de aldea. Por exemplo, ti agora ves a Çolak e xa te decatas que é listo da rúa. Xa o ves andar cos calzóns baixos... Pois Fernando ten un don. Hai xente no fútbol que ten títulos e esquécese do máis importante, que é entender o xogo. Ti podes xogar o tute, a escoba, o dominó ou o xadrez, pero como non entendas o xogo, vas fodido. Ti non xogas, ti tiras as cartas.

Segue en contacto?

Aínda estiven o mércores pasado en Abegondo. A Fernando vino confiadísimo, convencido e vin un equipo que me chamou a atención porque cando vas ver conxuntos da cola, notas nos adestramentos falta de intensidade, de paixón... E, máis aló das limitacións, aquí notábase algo especial. Fernando ten un don, chega á xente.

Que lles dá?

O segredo resúmese nunha frase: se ti non es capaz de gañarlle a cabeza a cada un dos xogadores, vas fodido. Cando todos eles che entregan o seu cerebro é o máximo para un adestrador. A min pasoume varias veces e notas unha empatía do copón. En cambio, vas a outros equipos e caca da vaca, aí xa te das conta de que te tes que marchar. Fernando xa tiña nun mes unha relación cos xogadores como se levase con eles quince anos.

En que se nota?

Hai detalles que o demostran. O outro día acababa de botarlle unha bronca a Mollejo e na seguinte xogada, de broma, fai como que lle dá unha patada. Conecta cos xogadores e os xogadores con el. Aínda así o difícil en todo isto é manterse aí tempo porque todo o mundo esgota o seu discurso, ata os grandes políticos. Por iso el dixo algunha vez que a súa carreira estivera mal dirixida e é algo evidente. Nós temos falado moitísimas veces diso. El sempre mo recorda: 'ti sempre me dis que o importante é ser feliz nos equipos antes de que te boten e saber escollelos'. Non todos os conxuntos valen para un adestrador, nin para Zidane nin para Cholo...

Recoñece neste Dépor sobre o céspede a Vázquez?

Fernando é un namorado do fútbol ofensivo. A xente está equivocada e eu quero que se resalte. Pero, claro, se ti tes patacas, só podes facer patacas fritidas, patacas cocidas, pero patacas. Ou cocidas e despois podes pasalas pola tixola, pero nada máis que pataquiñas. Para sacar a ese defunto de aí abaixo só había unha maneira: que non che meteran goles. Punto pelota. Claro que podes defender en campo rival, pero para facer iso o xogador ten que ter moita confianza en si mesmo e, ademais, o Dépor non estaba moi alá fisicamente. Luis César, para a súa desgraza, non foi capaz de solucionar o problema e, en cambio, Fernando si o fixo levando ao equipo un pouquiño máis atrás e poñendo pezas en diferentes sitios, pero sempre tendo claro que o alfil é o alfil e o cabalo é o cabalo, non é un rei ou unha raíña. Tivo a sorte e o don de atinar ao principio coa súa aposta. Eu coido que o equipo, de momento, aínda non pode sacar as alas, ten que seguir así, porque non ten pureza no pase. Fraco favor se lle fai se se empeza a dicir que ten que xogar máis, porque engade presión e non axuda ao vestiario. Cando se salve, xa botará un foguete ao aire.

Por que chega el á bancada?

Sei que Fernando estalle moi agradecido aos seareiros, porque o fútbol que fai o equipo non é o que gusta na Coruña. Sempre foi unha cidade de fútbol chachista chachista(de Eduardo González Valiño, Chacho), de toque... E que acepte que o Dépor ten que facer o que fai para saír de aí abaixo é para estar agradecido e el estao, pero moitísimo. Sabe que non é fácil e a xente responde. Eu entendo que esa actitude da xente tamén chega porque lle viron as orellas o lobo.

Foi na Coruña onde mellor conectou?

Foi onde caeu mellor, sen dúbida. No Betis estivo moi ben, tal vez onde menos en Valladolid.

E no Celta?

Vigo é un sitio galego e ás veces non somos xustos coa xente da nosa terra, e iso tamén o acabas levándoo dentro. Naquela época el vivía alí e atoparse na rúa con xente e que se meteran con el non era agradábel. Pero iso tamén axuda a facelo mellor adestrador. Por iso dicía antes que as veces hai que saber saír dos equipos. Se esperas que a onda te engula, vas fodido, porque te van botar. Falamos disto moitísimas veces.

Merecía ter adestrado a equipos que loitasen por títulos?

El foi inxustamente tratado polo fútbol. Eu estiven moitísimos anos dando clase na escola de adestradores e coñezo a moitísima xente de fóra e hai moi poucos preparados coma Fernando. E refírome a todos os niveis. El fala perfectamente inglés, chapurrea outros idiomas, e podía ter adestrado a outros equipos. Que xa ten un bo currículum, pero podía ter mellor. Vou poñer un exemplo: que fixo Setién para adestrar ao Barça?

Pesa aínda a adestradores non ter sido xogadores de elite?

Pero cando un equipo está en perigo, a ver se levan a un do tiqui-taca. tiqui-tacaPolo carallo. Este ano aínda me chamou algún director deportivo para preguntarme por algún adestrador que fixera bo traballo defensivo. Agora todos os adestramentos son iguais. Conos, catro contra catro e traballo en espazo reducido. Non hai traballo defensivo específico. O Dépor si o ten con Fernando. Tres centrais contra non sei quen, tres máis un, un contra dous, un contra un... Para que un fontaneiro saiba da súa profesión haberá que ensinarlle de fontaneiro, non de farmacéutico. As ferramentas dun defensa, non son as ferramentas dun dianteiro.

Por que Vázquez o considera un mestre ou un mentor?

Non me gusta mitificar as cousas. Ti ves que un tipo é máis listo ca outro e pensas que se se forma... Ao final, o adestrador debe ser autodidacta, beber de moitas fontes, tamén saber vender o seu produto. Tal vez o máis difícil para Fernando no Dépor, coa defensa de cinco, foi convencer aos xogadores. Fernando, nese sentido, sempre estivo en constante evolución, tentando poñerse ao día, ser un vangardista. Eu, de mestre nada, mestre é el que se fai a si mesmo.

Pero hai xente que inspira en determinados momentos...

Un profesor mete aos alumnos nun bosque e vai vendo aquel que sabe onde cortar as ramas e que sabe ver o camiño de saída e aquel que non, non e non. Hai que entender o xogo. A min gústame o mus, pero nada: so sei tirar as cartas. Hai que coñecer os compañeiros, os acenos, hai que estar en todo, e naces con iso ou non naces.

Como está vendo ao Lugo?

Nos dous últimos anos está xogando un pouquiño con lume, é o que vexo. A ver se son capaces de ver algún reflexo do que está facendo Fernando na Coruña e, aproveitando que están preto un do outro, van collendo algún exemplo, ademais de salvarse.

Xa ten mérito estar, alomenos, oito anos en Segunda, non?

Ascendemos de casualidade (en 1992). Entón, o 80% do equipo tiña outro traballo. Agora é diferente e é sinal de que o fan moi ben, é un equipo máis estruturado. Pero no Lugo está por definir ese equipo que queren ser, é vital. Agora todo o mundo quere ser o Barcelona e nin o Barcelona é xa o Barcelona. Xa non están Iniesta, Deco, Xavi... Se ti non tes esa xente para facer esas cousas por diante, o que tes detrás é todo barullo.