Outro 0-0 en Riazor perante o Lugo, xa debe de ser costume porque este marcador é o mesmo nas tres últimas visitas dos lugueses a Riazor (temporadas 13-14, 18-19 e 19-20). Non sei se é orde do patrón reflectir no terreo de xogo o que aparece nas camisolas dos dous equipos, si ese 0,0, aínda que, a verdade cando falamos de comparar con garimba eu prefiro a Estrella 5,5, pois quere dicir que no campo aconteceu algo. A colleita é a mesma pero a xente divírtese moito máis. E xa posto a pedir, cumpriría de cando en vez regresar a 1906, sería interesante, a lo menos en Riazor (7,6), divertimento e vitoria todo nun mesmo partido. Mais para que iso acontecese terían que mudar moitas cousas; case nada do partido de onte serviría. As oportunidades chegaron todas nos pés de Aketxe, a balón parado e en xogada, e todas na primeira parte, como se a Segunda sobrase. Pois están os tempos como para desaproveitar cada segundo! E menos mal que o Lugo non atopou a portería de Dani Giménez, polo bo traballo defensivo dun equipo que non soubo chegar tampouco á mera de Ander Cantero. Estaba obrigado porque segue necesitado. Pero cando en ataque só están os laterais e un dianteiro que só pode desfondarse para esnafrarse contra tres adversarios pouco rendemento se tira. Só agardar por Aketxe. E polos laterais, carrileiros ou como se denominen neste fútbol. O que ten que marcar diferenzas... aínda non está. Haberá que seguir agardando por el. Pero non hai moito tempo e continúan a ser precisas seis vitorias para asegurar a categoría. Canto antes, mellor.