"Non me chamaron como forense, máis ben como médico ou especialista". O doutor Fernando Vázquez foi un dos convidados, xunto a Dani Giménez, Miriam Ríos e Eduardo López Beci a un acto do Foro Cívico da Coruña na sede da ONCE, e aproveitou para explicar cal é a súa receita para este Dépor e como encaixa o pasado e ve o futuro. "Antes de que me chamaran xa tiña feito o diagnóstico do equipo e a menciña aplicada tamén foi a correcta", apuntou antes de analizalo, xusto despois de tres xornadas sen ganar e de que algunhas voces lle pidan dar un paso á fronte. "Temos que gañar partidos, pero non somos un espectáculo ofensivo. Tentamos desequilibrar ao noso favor, pero no aspecto defensivo e aproveitar as debilidades do rival. Se os resultados van mal, teremos que cambiar ou evolucionar, pero en Almería non imos variar porque eles teñen que gañar", asegurou.

"Tócanme sempre as vacas fracas, aínda que me gustaría tamén ter vido noutros momentos". Vázquez sabe que as circunstancias nas que o Dépor pensou nel non sempre foron as mellores. O club atopábase nun intre nada atractivo, pero a el pesoulle máis o seu pasado e a súa relación cos seareiros. "Ao outro club nesta situación non tería vido, non poría en tela xuízo o meu crédito por unha cidade que non me dixera nada. O deportivismo sempre me deu moitísimo, so quero devolverllo". Moita xente desexa ver nel un Arsenio. "É imposible", recoñece un técnico que quere levar ao Dépor a Primeira e que amosou o seu desexo de estar tres anos nesta segunda etapa na entidade branquiazul.

Tivo tempo para lembrar que aínda non comprende o seu adeus en 2014. Tamén revelou unha anécdota daquela época despois de que un dos asistentes o confundira con Castro Santos. "Na miña anterior etapa chamei unha vez a Lucas Pérez porque se adiaba a súa fichaxe e se poñía nervioso. Trabuqueime e chameino Lucas Vázquez. Pareceulle mal e díxome 'ves como non me coñeces", avanzou mentres lle restaba importancia. "Claro que o coñecía. Se eu non dera o ok, el non tería vido", apuntou o adestrador.

Vázquez asegura que as fichaxes son "bos futbolistas" e gabou especialmente aos dianteiros. Agarda ao Agbo "de Granada e Rayo"e deslizou que Hugo Vallejo pode prolongar o seu préstamo.

Máis anécdotas

"Temos que sacar peito de como temos o estadio". Dani Giménez presumiu de seareiros en comparación cos do Celta, Miriam explicou as claves do Deportivo Abanca e Beci, un dos que máis gargalladas xerou, recordou como lle recomendou a Lendoiro a fichaxe de Cristiano Ronaldo.