Sen medio campo non hai equipo, e onte en Almería o Deportivo xogou cun só centrocampista, Gaku, acompañado doutros compañeiros (nove?) que estiveron superados en todo momento polos adversarios. O xaponés estivo en todas as saídas do balón, con criterio e mesmo con intención de profundidade, tentando facer o seu traballo, pero tivo que facer tamén o de Uche, e con outro atranco, que tiña pouco onde elixir cando ollaba cara arriba. Tiña solucións nas bandas, con Bóveda, despois Vallejo, e Mollejo, pero pouco máis, porque Merino se aburriu de correr e buscar espazos, pero pouco máis, e xa dabondo fixo. Aketxe tivo menos presenza que outros partidos, agás nos minutos finais, e a Çolak ségueselle agardando. Estaba fichado cando a estrea do ano, pero debutou tres semanas despois e durou un gol, moi importante, si, pero nada máis. Desde iso seica sae ao campo. Mentres, outros sofren para soportar o que non aturan os compañeiros, ademais de que quedan sempre no centro do foco „que é distinto que buscar o foco„ e non sempre con boa imaxe. O asunto é que cando o adestrador, ese ser individual que ten que pensar e decidir a prol do colectivo, decide retirar ao turco porque considera que é o axeitado, este sae sempre con mala cara. Ese individuo que pensa en individual. É a diferenza co técnico. Os nomes non xogan, os nomes non aportan nada; so os homes. Os nomes levan a unha situación que semellaba esquecida, o descenso. Foi unha derrota demasiado dura, pero o Deportivo non fixo case nada para facer dano. Será porque faltaban homes?