Hai vinte anos Galicia rendía homenaxe a un dos seus ilustres, Manuel Murguía, o pai do galeguismo. A carón desta festa na zona norte estábase a argallar outra festa que estaba suliñada para dous días máis tarde: o 19 de maio. Esa data que quedou gravada a lume no corazón do deportivismo, cando aló polas once da noite o Real Clube Deportivo acadou o título de campeón da Liga. Foi en Riazor, xusto onde permanece vivo Murguía dándolle nome á rúa na que o estadio ten a súa entrada principal. Aí o primeiro clube da cidade converteuse no noveno en gañar a Liga española en toda a súa historia, e foi no mesmo ano no que Galicia lembraba a un dos seus fillos predilectos.

Foi un triunfo non exento de sofremento, quizais por ese fatalismo histórico que vai da man do Deportivo, como di Fernando Vidal, presidente do clube, cando lembra como vivira e que lembraba daquela data. Na memoria permanecía aferrado ainda o que acontecera seis anos antes, tamén un venres, o 14 de maio de 1994, cando o empate sen goles perante o Valencia deixou ao equipo coruñés sen ese título que tiña na man e que chegaría tamén en maio, pero do 2000. Había medo, mesmo algúns dos participantes na pequena enquisa que se publica nestas páxinas tomaron medidas contra o meigallo, caso da escritora Nieves Abarca que preferiu estar aillada e marchou nadar ao Club do Mar de San Amaro.

Un medo irracional que se esvaiu con celeridade cos goles de Donato e Makaay. O hispano-brasileiro anotou no minuto 3; o holandés, no 34. A historia quedaba escrita. "O encontro non tivo moita historia porque o encamiñamos cedo e pouco despois da media hora xa gañábamos con 2-0 definitivo", lembra Vidal. Cal era a razón dese temor? O fatalismo histórico? Non abondaba como resposta; quizais habería que engadir que se trataba dun asunto "cultural" como sinala o presidente deportivista. Poucas razóns obxectivas había para ese medo, porque o Espanyol, rival dese día, chegaba a Riazor a non meterse en follóns. Foi o que recoñeceu Sergio González, agora adestrador do Valladolid e naquela época futbolista do Espanyol antes de fichar polo Deportivo. "Íamos no autobús cara o estadio ollando toda aquela marea de xente e pensabamos que a festa non ía connosco; que tiñamos que xogar a final da Copa do Rei unha semana despois e iso era o que nos importaba", lembraba o excentrocampista hai uns anos.

Foille ben ao Espanyol, que gañou esa Copa e xogou a Supercopa diante do Deportivo tres meses despois. Co rival axeitado, as circunstancias tamén eran aliadas, porque desta volta ao Deportivo abondáballe un punto para ser campeón. Tiña tres de vantaxe sobre o Barcelona e o Zaragoza, segundo e terceiro. Certo que se se bota a ollada atrás se pode comprobar que o equipo de Javier Irureta chegara marcar unha diferenza de oito puntos co segundo (xornada 16), que nese momento era o Celta. E tamén é doado comprobar que á falla de cinco partidos o conxunto branquiazul tiña unha vantaxe de cinco puntos co Madrid e o equipo azulgrana (61 contra 56); pero dúas xornadas despois os barcelonistas estaban so a dous puntos. Comezou aí o medo?

No equipo non, como amosaron os futbolistas despois do seguinte encontro. O antepenúltimo. Desde ese partido todo está intacto na memoria do deportivismo. Foi perante o Zaragoza, que chegou a Riazor con cinco puntos menos e atento desde a terceira praza. O Barcelona estaba a dous e recibía ao Rayo Vallecano no Camp Nou, pero os azulgranas perderan o día anterior (0-2) e os zaragocistas podían escadar ata o segundo posto e quedar a dous puntos do Dépor. Había partido. E marcou Juanele para os maños, pero Makaay empatou seis minutos despois (60) e Djalminha fixo o 2-1 no 78.

A vitoria afastaría definitivamente ao Zaragoza e o Barcelona quedaría a cinco puntos a falla de dous partidos. O título estaba na man. Son faltaban doce minutos cando Djalma anotou. O crake saiu correndo coma un tolo e todo o equipo detrás, porque todos se sentían campeóns. Todo normal, ou semellaba. Pero Djalminha tirou a camiseta no festexo, e xa tiña un cartón amarelo; esa acción obrigou a Iturralde González a amosarlle o segundo e, en consecuencia, o vermello. Faltaban doce minutos e o Deportivo non so quedaba en inferioridade senon que perdía ao seu mellor xogador. E chegou o empate do Zaragoza no minuto 88. Foi nunha falta lanzada desde o medio do campo que Aguado rematou coa cabeza. Faltaban dous partidos e o Deportivo tiña tres puntos de vantaxe cando poderían ser cinco. A situación non era tan grave. Ata que Irureta chegou á rolda de prensa e culpou ao brasileiro do empate ainda que sen citalo. "Vin cousas e consecuencias moi duras no partido", dixera o adestrador deportivista. "Entendo a reacción de Djaminha", comentara Txetxu Rojo, técnico do Zaragoza, en contraposición as palabras de Jabo.

Ao día seguinte a lea mantíñase. Bronca no centro do campo de Riazor antes de comezar o adestramento. Djalminha, enoxado polas palabras do adestrador, díxolle que o mandase de vacacións. Non podería xogar na seguinte xornada en Santander perante o Racing (0-0). Ramis zanxou o asunto e mandou que todos comezasen a exercitarse -xa tiña dotes de mando daquela-. O empate en Cantabria e o do Barcelona en Anoeta diante da Real Sociedad deixaba todo igual para a derradeira xornada; con tres puntos a prol do Deportivo. A única diferenza foi que o Zaragoza igualara cos azulgranas na táboa. E despois chegou o extase. Djalminha foi titular nese derradeiro encontro e o Deportivo foi campeón case sen gastar folgos. O vencedor de Liga con menor puntuación desde que as vitorias se pagan con tres puntos. Para minusvalorar este éxito algúns deron en dicir que era o campeón máis cativeiro. Esquecían, con intención, que esa temporada o Madrid e o Valencia xogaron a final da Champions League e que o Barcelona caera en semifinais. Unha das ligas máis parellas; iso si.

Un torneo que o Deportivo domiñou desde a xornada 12, que foi cando acadou a primeira praza -tamén fora líder na primeira xornada-, posto que xa mantería ata o remate. Con atrancos, sobre todo pola súa febleza durante a segunda volta lonxe de Riazor. Mentres que na casa gañou nove encontros e empatou un, o do Zaragoza, na segunda parte do campeonato o equipo branquiazul so foi quen de puntuar en dous dos nove desprazamentos (Sevilla, 1-3; e Santander, 0-0). Catro puntos de 27 posíbeis. Riazor foi a palanca que fixo posíbel que o Deportivo se fixese cun lugar entre os elexidos. Todo o contario acontecera na primeira volta, na que os futbolistas de Irureta cederon dúas derrotas, perante o Numancia (0-2) e o Racing (0-3). Ese encontro diante dos sorianos quedará gravado tamén por ser un dos raros nos que Djalminha errou un penalti. Estaba o marcador 0-1, lanzou duro abaixo e á esquerda de Álvaro Núñez, porteiro visitante, que foi quen de rexeitar o balón.

Primeira derrota do curso, e a segunda chegou na seguinte xornada en Mestalla. Eses dous resultados adversos crearon desacougo no deportivismo, que se tiña que preparar para recibir ao Barcelona. O Deportivo, achegouse a catro puntos e colocou ao Rayo Vallecano na cabeza da táboa. Con esa vitoria os coruñeses engancharon unha racha de sete partidos consecutivos gañando. O seguinte en ceder foi o Oviedo (0-1), despois o Sevilla (5-2), triunfo que supuxo de premio o liderado; e ainda chegaron catro más ata que o Zaragoza cortou a marcha positiva na Romareda; e o Racing afondou na ferida ao gañar en Riazor por un claro 0-3. Ninguén máis volvería gañar aquí. Só igualou o equipo zaragocista, mais xa na segunda volta, xusto antes do derradeiro estourido diante do Espanyol.

Foi un 19 de maio do ano de Manuel Murguía e na rúa Manuel Murguía. Ese ilustre galego, pequecho de estatura (dis que non chegaba aos 140 centímetros) pero xigante de mente. Foi a súa capacidade intelectual o que converteu en mito a este galego nado en Froxel-Oseiro, que no ano no que se recoñeceu oficialmente o seu labor, co gallo do Día das Letras Galegas, soubo guiar a outro pequeno, o Deportivo, para que acadase o seu lugar no olimpo do fútbol. As meigas foran amigas, quizais porque non houbera demasiadas festas na véspera. Estaba fresca a sonada frase de Arsenio Iglesias de seis anos atrás: "Coidado coa festa, que rapidamente nola quitan dos fuciños". Algo que lembra Paco Lodeiro. A festa chegou despois, coa travesía ata Catro Camiños, algo que non esqueceu ningún dos deportivistas, que aquel día puideron ceibar todo o que levaba dentro. "Na memoria só teño a celebración en Catro Camiños", recorda Manolo Planas, que naquel ano acadara un novo título mundial de kick-boxing; "a festa foi tan intensa que cheguei a casa tardísimo, iso que a miña muller estaba embarazada", rememora Tino Fernández. "Naquela época eu era copropietario da Cova Folk, parada de moitos deportivistas, e a noite foi inacabable. A alegría foi indescriptible", comenta Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, "fermosas lembranzas", engade. Todos manteñen esas lembranzas como se fose onte, pero xa pasaron vinte anos desde que Murguía guiara ao Deportivo no ano e na veira da rúa que leva o seu nome e mantén erguido o seu espíritu.