19 de mayo de 2020
19.05.2020
La Opinión de A Coruña

Título de Liga do Deportivo | O día que todo xirou sobre Djalminha

O xogador brasileiro, que voltaba diante do Espanyol tras ser expulsado contra o Zaragoza, era o encargado de guiar o camiño da Liga hai 20 anos

19.05.2020 | 01:17
Djalminha

A mañanciña chegou moi cedo na Coruña aquel venres. Como acontecera seis anos atrás, tamén un venres. O desacougo provocou que os corpos quixesen rúa en vez de cama; as pernas tiraban cara Riazor desde primeiras horas do día, quizais por iso as horas foron tan longas. As nove (21.00 horas) non daban chegado. Pesaba aquela frase de Arsenio no 94, a que falaba da festa e os fuciños. Había cor por toda a cidade, cores, xa que todas as rúas estaban vestidas de branco e azul; pero tamén había silencio. Moito máis nos seareiros que entre os protagonistas, os futbolistas. "Había moita confianza en que o iamos lograr", lembraba Makaay estes días. "Recordo que había nervos polo acontecido uns anos atrás, pero nós estabamos convencidos", asegura aínda hoxe Turu Flores. Ás 21.03 produciuse o estourido co gol de Donato. Crer xa non era so asunto de fe.

Os futbolistas foron os que ergueron os afeccionados, mesmo os mantiveron durante os días previos. Viña o Deportivo de empatar co Zaragoza en Riazor (2-2) o día do gol e posterior expulsión de Djalminha --coa bronca interna polas queixas de Irureta-- e tamén de igualar en Santander diante do Racing (0-0). Ese punto en El Sardinero permitía aos coruñeses chegar cunha vantaxe de tres sobre o Barcelona e o Zaragoza. Desta volta un empate abondaba. Pero a xente tiña certo desacougo. O nome de Djukic, a sua imaxe desde os 11 metros con González diante, estaba cada día máis presente. "Aínda nos vai pasar como o día do Valencia", dicía tres ou catro días antes o presidente dunha peña nunha cea na que estaban Ramis e Turu Flores. O defensa fixo calar a todos os asistentes, que acougaron coas súas palabras: "Se acontece o mesmo, todos sabemos o que vai pasar. Collerá o balón sen deixar que ninguén máis o pillase, eu marcharei do meu asento no palco porque seguramente non estea convocado, e estarei lembrando á súa familia e despois berrarei o gol". Palabras de Ramis sobre unha hipotética situación semellante á do 94. Ese futbolista que collería o balón e que era quen de cortarlle as mans a quen o quixese pillar era só un: Djalminha. E esa frase na que dicía que se acordaría da súa familia -en realidade foi moito máis forte- significaba que Djalma lanzaría o penalti ao estilo Djalminha. Non fixo falta.

Era a mostra de que había seguridade e confianza, sobre todo nun dos xenios que deu o fútbol naqueles anos, ese que sempre estaba cando había que estar. Por suposto no era o único. Era... diferente. E resolvía. Con todo, ese desacougo entre a xente mantívose ata que faltaban dúas horas para que comezase o encontro, xusto ata que o autocar do equipo saiu do hotel cara o estadio. Moi devagar fixo o percorrido entre mareas de persoas que lle daban escolta durante todo o percorrido. Un ambiente que se transformou a partir de ese momento; un ambiente mesmo intimidatorio, que non hostil, cara o Espanyol, o adversario dese día, que non quería estragar para nada a festa. O seu era xogar durante 90 minutos e marchar sen facer ruido, porque o seu encontro de verdade era unha semana máis tarde diante do Atlético co gallo da final da Copa.

A iso das sete da tarde ese deportismo agoniado estourou, ceibou todo ou case. Dúas horas despois, volveu explotar co tanto de Donato; e xa acadou o éxtase media hora máis tarde cando Makaay acudiu á súa cita co gol e asinou o segundo e definitivo. Desde aí... só houbo festa. Nada importaba que fixesen Barcelona ou Zaragoza, que non gañaron, os dous rivais que superarían ao Deportivo no caso de igualar a puntos. Por iso era preciso un empate. Sobrou case unha hora de xogo. Un tempo que para os visitantes foi moi longo porque o único que querían era rematar e marchar.

Foi o día no que si había moito que contar. Todo o contrario que acontecera seis anos e cinco días atrás. "Hai moito que dicir, e pouco que contar ", dixera Arsenio na rolda de prensa posterior ao partido diante do Valencia. Pouco ou nada máis dixera, para que? Esvaecera unha oportunidade única na historia do Deportivo. Fora o único que dera a cara publicamente, alén de Augusto César Lendoiro, o presidente. Riazor era unha funeraria. O contraste deuse seis anos despois. Cando esa noite non tivo remate.

Un día para a historia no eido futbolístico coruñés, galego e español. Un día para engadir aos libros -sempre é bo contextualizar todos os momentos especiais- nun ano histórico no que por fin se recoñecía oficialmente a figura dun dos galegos máis ilustres, ese mesmo que lle dá nome á rúa onde un equipo nado 94 anos antes acadou un sitio o seu carón. Foi o ano de Manuel Murguía, en quen se centrou o día das Letras Galegas dous días antes, o 17 de maio, data do seu aniversario, tamén do aniversario de Cantares Gallegos, obra da súa dona, Rosalía. Cadrou a presetanción deste libro co aniversario do seu home? Cadrou que o Deportivo entrase na historia dous días despois pero no ano de Murguía? Cadrou? Quizais sexan demasiadas cousas as que hai que cadrar. O único feito tanxíbel é o que aconteceu. O resto, só imaxinación, especulación e ilusión. Se todo se tivese que solucionar cun penalti ao remate do encontro, habería que falar máis do que referiu Ramis e centrar todo nun só nome. Aínda así foi o nome e foi o home. E tamén fai parte da historia. Do Deportivo, da Coruña e do fútbol. Cadrou así?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes