Touriñán: "Acabei en Ordes ao día seguinte bañándome nunha fonte"

"Lembro a festa, do pouco que me podo lembrar. Fun dos poucos que non estaba ese día en Riazor, pero fun despois. A celebración durou ata o día seguinte pola mañá en Ordes, eu rematei bañado nunha fonte en pelotas, case me mato colgado da pola dunha árbore. Botamos toda a noite cantando 'Por eso yo te quiero dar algo de corazón...'. Moita ledicia, celebrámolo ao grande porque con 20 anos cres que se vai acabar o mundo".

Federico Pérez: "Naquela época foi cando merquei o chándal de 'Era Visto!"

"Foi naquela época que merquei o chándal de Moncho de Era visto!, que despois se converteu nun elemento máis da serie. Naquela época eu traballaba como linguista en Mareas Vivas, aínda non estaba diante das cámaras. Lembro os nervios daqueles días. Parecía que estaba todo feito, pero había que rematalo. Do gol de Makaay acórdome menos pero o de Donato o teño presente como o Padrenuestro".

Sofía Toro: "Miña tía vivía ao carón de Catro Camiños e celebrámolo no seu balcón"

Sofía Toro tiña só 9 anos cando aquel 19 de maio o Dépor proclamouse campeón da Liga e segue lembrando aquela noite: "Fun ver o partido a un bar cos meus pais e uns amigos". Despois chegou o mellor. "A miña tía vivía xusto ao carón da fonte de Catro Camiños e tiña balcón, polo que lembro que fumos alí e puiden participar da celebración, porque era tan pequena que non me deixaban estar abaixo con toda a xente", di a campioa olímpica.

Alberte Montes: "Tiña trece anos e rematei co pelo tingido de loiro como os xogadores"

"Daquela era un rapaz emigrado a Barcelona e sempre era o bicho raro por ser do Dépor. O meu primeiro recordo foi o penalti de Djukic e cando gañou a Liga non parei de sacar peito. Seguro que aquel día me subía polas paredes, pero non teño recordo de moitos nervios na casa. Tiña 13 anos e acabei co pelo tingido de loiro como os xogadores. Lembro que todos aledáronse por min no colexio, aquel Dépor espertaba simpatías".

Bieito Romero: "Despois de anos de sufrimento foi un estourido de emocións"

"Despois de anos de sufrimento lembro quel día como un gran estourido de emocións na nosa cidade", asegura o músico Bieito Romero. "Naquela altura eu era copropietario da emblemática Cova Folk, lugar de encontro de moitos deportivistas, e as noites de celebración eran inacabables", continúa o líder do grupo Lúar na Lubre sobre a noite na que o Dépor gañou a Liga: "Bonitos tempos, fermosas lembranzas!".