Unha sensación moi rara deixou este partido, se falamos do resultado. No descanso calquera asinaba un punto; no remate só hai queixas. Será porque o feito de que o balón entre ou non é o que marca todo. Se imos o xogo, o Deportivo non aporta nada. Entón, que hai que facer? Pechar atrás e darlle o balón cara adiante e que os dianteiros se adiquen a buscarse a vida? Creo que é o mellor, porque a realidade amosa que non fan outra cousa. Polo menos se lle dás cara arriba á pelota os teus atacantes terán unha mínima opción e o contrario terá que estar moi metido na súa área. A estas alturas do conto xa non creo no de tocar e chegar co balón en xogada elaborada. Non produce nada. Nin tiros entre os tres paos. Podemos laiarnos; podemos festexar. O que haberá que facer é pensar a causa de que aconteza o que se ollou onte, ou perante o Oviedo, ou perante o Sporting. A efectos de clasificación de pouco serve un punto na casa, pero tamén hai que quedar con que polo menos sumou e tal como están as cousas todo o que sexa non perder é bo, xa que ninguén semella que queira gañar. E insisto, xa a estas alturas non quero ver nada, só que o balón entre na porta do adversario e manter a propia a cero; o xeito de acadalo dame o mesmo. Está moi ben iso de ser conscientes de que había que comezar gañando porque isto se pode parar en calquera momento (se hai unha volta atrás na pandemia) e que polo menos te pille fóra do descenso; está ben isto de enganchar rachas, está moi ben todo, agás non gañar. E van tres partidos seguidos con empates e dous deles na casa. Así non abonda para amañar este asunto. Malia todo o malo que se pense por estes lares o resultado da xornada deixa ao equipo lonxe do descenso -atendendo aos postos, que non os puntos-. Semella que ninguén quere salvarse. Que o vaian facendo; dá o mesmo o xeito.