Por suposto que isto é o fútbol, así de impredicíbel, como salientou Paco Jémez o pasado sábado en Riazor cando se lle preguntou pola situación do Deportivo; tanto que o equipo voltou a casa con tres puntos no peto. Cun triunfo no campo onde menos se agardaba desde que a Liga volveu os campos de fútbol. Era un encontro nun momento malo porque o equipo non amosaba nada; un partido diante dun rival feito e que mira cara arriba; un partido que o equipo tivo que xogar en inferioridade desde o minuto 32. Ou sexa, que só eses con moitísima fe acreditaban na vitoria. Benditos eles! Eu non me inclúo. De fe vou mal tirando a nada. Quizais por iso a ledicia foi un chisco maior. Foi un encontro exemplar, sempre baixo o dominio do adversario, máis desde a expulsión de Gaku, no que o Elche chegou moito, pero sen oportunidades limpas para marcar. Moito menos se achegou o Deportivo á portería de Badía, pero tivo as ocasións máis claras do encontro. Alén do gol cómpre salientar senllos remates de Vallejo e Uche desde preto da meta. O partido puido estar morto antes de que o decidise o xuíz, aínda que iso é escasamente probábel porque entón non estaría a falar do Deportivo. Un dato: o Elche dominou, pero o control era branquiazul ata a expulsión de Gaku (que conste). Con estes tres puntos cómpre agardar que comece unha xeira distinta; como a que se produciu cando Fernando Vázquez chegou ao banco coruñés, porque os argumentos foron moi semellantes (non encaixar, aínda que con sufrimento, e escasas achegas, pero con efectividade). Así chegaron sete triunfos seguidos, o mesmo número de xornadas que levaba o Deportivo sen gañar, unha racha que abondaría para acadar o obxectivo. Coa metade diría que tamén. E non se precisa ter moito a pelota, só ser efectivo, eficaz e eficiente. Agora só interesa unha cousa, a fórmula para acadala ten importancia menor. Hai que sumar 51 puntos.