Tal día como hoxe de 1995, o deportivismo despertou cedo e xa non durmiu ata moitas, moitísimas, horas despois. Hai 25 anos, a iso das 20.31, Alfredo Santaelena erguíase por riba dun xigante chamado Andoni Zubizarreta cun chimpo no que levou ao Deportivo ao olimpo do fútbol español. Foi o día no que se tivo que completar a final da Copa do Rei iniciada o sábado 24; había once minutos por diante. Foi chegar e encher. Alfredo rematou coa cabeza un balón de Javier Manjarín cando so pasaran 50 segundos desde que se renovase o xogo, suspendido tres días antes por mor da forte sarabiada que asolagou Madrid, e as ilusións dun equipo e uns seareiros que tiñan tocado o trofeo cos seus dedos.

O partido foi suspendido no minuto 79 de xogo con empate (1-1). Marcara Manjarín no 35, despois de roubarlle a pelota a Giner e chegar so diante de Zubi, e igualara Mijatovic no 70 de falta directa. Nunha das moitas que o árbitro García Aranda pitara a prol do Valencia, que só tiña o recurso dos piscinazos do serbio preto do área branquiazul. Estaba o campo asolagado desde o descanso. Nove minutos despois, o xuíz madrileño decidiu suspender o xogo, porque xa non era saraiba o que caía, eran verdadeiras pedras. Chegaron os días de nervios, de agardar. De desconfianza. De medo. "Lembro que quedamos en Madrid adestrando e que xurdiron as dúbidas", di José Ramón González Pérez, entón capitán deportivista e que estaba diante do seu último partido co equipo no que debutara en 1988. "Hai unha frase que dicía Arsenio que neses días lle andaba na cabeza: 'Aínda desa non vai ser'. Pero foi", rememora o futbolista nado en Carreira (Ribeira). Un ano antes e diante do mesmo rival, o Valencia, o Deportivo estragou a oportunidade de ser campión de Liga.

E chegou o martes 27 de xuño, o día de que saíra un campión do Santiago Bernabeu. Un encontro que apuntaba a unha prórroga porque ninguén pensaba que puidese haber un gol en once minutos. Pero xurdiu a figura de Alfredo, que entrara no minuto 50 por Aldolfo Aldana -no partido do sábado-. Manjarín recibiu na esquerda, foi cara o centro e enviou o balón ao área valencianista, alí entraba Alfredo que controla co peito e o balón sae cara arriba, o madrileño segue a carreira fitando a pelota e pega un chimpo no que supera a Zubizarreta, que pretendía despexar cun puño, e o balón entra. Nova avantaxe en menos dun minuto e con dez por diante. "Aquel equipo tiña unha solvencia tremenda", di José Ramón. "O que faltaba foi unha eternidade, pero tiñamos a Liaño que fora Zamora dúas veces, en boa parte por mor da defensa e do sistema defensivo do equipo, era moi difícil que nos marcasen, pero tamén é certo que tiñamos cero temor a que se nos escapase o que viñamos de conseguir", volver a ter vantaxe no marcador da final. En pouco tempo, malia que semellou que pasara un mundo, o Deportivo erguía o trofeo de campión ao ceo da capital do estado.

O Valencia tentou empatar de novo, pero o equipo coruñés no lle deu ningunha concesión. Arsenio mandou ao banco a Manjarín e colocou a Claudio só dous minutos despois do tanto de Alfredo. O asturiano fora un dos heroes desa final, co seu primeiro tanto e o pase ao madrileño para que anotase o segundo. " Decidimos los vecinos", comentaba Alfredo por aquela época. Ambos os dous vivían en Durmideiras. "Eramos un equipo para estar en primeira; eramos sorpresa e estabamos diante doutra oportunidade de facer algo grande", di José Ramón. "Creo que aí comezou a escribirse a historia grande do Deportivo", salienta o excapitán branquiazul. O de Carreira lembra con ledicia aquel ano, pero tamén con certa tristura porque co paso do tempo é quen de afirmar que os xogadores non eran conscientes do seu verdadeiro nivel. "Dáme pena que non fósemos conscientes do que eramos, pero iso o penso agora. Tiñamos xogadores como Mauro e Bebeto, que viñan de xogar con Brasil e de ser campións do mundo e para os que xogar esa final era case un partido máis, pero para nós...", engade.

Despedidas

Esa noite do 27 de xuño de 1995, de hai xa 25 anos, os xogadores, os técnicos e todos os integrantes do plantel deportivista fundíronse sobre o céspede do Santiago Bernabeu. Nas bancadas, miles de seareiros coruñeses que fixeran a viaxe de ida e volta pola suspensión do partido do sábado anterior. E no palco, Augusto César Lendoiro, presidente do clube, e Paco Vázquez, alcalde da cidade, protagonizaron a foto do día, só solapada polo tremendo éxito dos futbolistas sobre o céspede. O primeiro título da historia do Deportivo. Foi un día no que Arsenio Iglesias deixou unha das súas frases para sempre. Un ano despois daquela sonada frase na sala de prensa de Riazor despois de igualar sen goles diante do Valencia -"hay mucho que decir y poco que contar"-, Arsenio lembrou o que lle dixera a José Manuel Rielo, adestrador valencianista, o sábado anterior: " Le comenté que podíamos cortar la Copa en trozos, pero no se pudo. Ahora es él el que no se lleva nada".

Foi tamén o último partido de Arsenio Iglesias como adestrador branquiazul. O día seguinte, na festa no estadio de Riazor, xa dixo adeus. John Benjamin Toshack xa era novo adestrador branquiazul. Marchou Arsenio Iglesias despois dese triunfo e tamén o fixo o capitán José Ramón, que ascendera ao primeiro equipo en 1988 con 20 anos da man do adestrador Luis Rodríguez Vaz. "Foi unha bonita despedida", recoñece o excapitán, deportivista "eu xa tiña asinado co Compostela, ao que axudaramos unha semana antes da final ao gañar en Albacete, e chegar cun título no teu palmarés sempre che dá máis seguridade e confianza; e tamén prestixio". Isto último xa lle custou máis recoñecelo. Unha data para a historia, o primeiro título oficial do Deportivo, e o adeus de Arsenio Iglesias e José Ramón González Pérez. Dous deportivistas para a historia.