É teimudo este Tebas e mesmo semella que soberbio. Non lle abonda con mangonear o fútbol profesional español; ten que amosar a súa forza, ou os seus complexos. O paripé deste paisano xa non te xeito ningún. Teima co de Alex Bergantiños sen que haxa máis razón que a súa propia chulería. Non dixo unha xuiza que non hai caso? Os mesmos sindicatos da Policía cuestionaron o emprego de cartos públicos, alén das formas utilizadas para levar ao capitán branquiazul á Comisaría, pero el teima. Iso que non se sabe se se está a investigar ese malgasto dos cartos de todos nós. Claro que o Deportivo-Fuenlabrada foi un paripé, so hai que volver ollar os vídeos. E todo o que fai este home é un paripé que lle serve para encher os petos co silencio dos seus xefes, os clubes. Eses que louvan a este homiño que se enriquece co fútbol e que gasta os cartos do fútbol para manter procesos xudiciais abertos contra un dos profesionais máis gabados neste deporte. Pero non é so Tebas. Non entendo ese silencio da AFE, ese sindicato dos xogadores que semella non ter nada que facer diante dun ataque persoal como o que está a recibir Álex. Un paripé! Ese sonado paripé que montou o xefe de LaLiga rematou con vitoria do equipo do acusado. Onde está o paripé? Xa! No que lle permiten a el. As guerras non son boas, pero axoenllarse é moito peor. Non seréi eu o que lle vaia dicir a Álex Bergantiños o que ten que facer, sóbralle intelixencia e coñecementos, pero... Están xogando co seu nome, están abusando dun poder que non se corresponde co cargo que ocupa o acusador e mancillando a honra dunha persoa. Iso ten que ter un prezo. Esa soberbia de Tebas está xustificada polo respaldo que atopa, porque está nunha guerra cun equipo de provincias e defendendo intereses familiares e pode que persoais dun equipo da capital do reino. Ese é o fondo.