A dúas semanas de que comece o que importa, semella que todos os que están agora ás ordes de Fernando Vázquez van quedar e que chegarán dous novos futbolistas: un central e un xogador de banda. En teoría hoxe remata o prazo para fichar, pero sempre queda a posibilidade de facelo a partir de mañá se o futbolista que veña está no paro. O bo, que xa todos saben para que están aquí: para acadar o ascenso. Calquera outra cousa sería un fracaso colectivo. Non sei se as fichaxes son as que desexaba o adestrador; si sei que todos os que viñeron aceptaron axiña a proposta, supoño que en parte é pola oferta-o ruxe ruxe da categoría di que o Deportivo manexa máis cartos que ninguén- e tamén porque este clube segue a ser interesante para os futbolistas. Pero hai que xogar e, sobre todo, gañar porque esta competición non vai permitir ningún erro. O asunto de pasar con todos os puntos feitos na primeira fase pode ser decisiva na segunda, en especial no caso do Deportivo, que estará nun dos grupos máis equilibrados de toda a competición. Aquí, poden quedar moitos puntos no camiño. Algo que seguramente sexa máis complicado que aconteza no outro subgrupo, o do Burgos, Numancia e Cultural Leonesa. Por iso a importancia de solucionar, e para iso precísanse futbolistas que marquen diferenzas na categoría. Aquí xa hai, pero faltan dous. Un arriba e outro atrás. Para a defensa hai dous nomes, o de Derik Osede e o de Agustín Rogel. O primeiro está libre despois de militar no Numancia; o segundo está ligado ao Toulouse, da Ligue 2 de Francia. Pode ser este o que teña a chave para que se certifique o traspasado definitivo de Rolan ao Nimes? So pregunto. Porque a saída do uruguaio ainda non está pechada.