Unha cousa é gañar sen baixar do autobús e outra cousa gañar un partido como de onte en Riazor. Xa sei como se gañou! E para vencer hai moitas fórmulas, unha delas é básica para min cando saes como favorito e tes o equipo que ten que marcar as diferenzas e é intimidar. Aniquilar (no senso deportivo). E iso non aconteceu. O Salamanca saiu enteiro de Riazor, mesmo diría que case sen suar porque nunca estivo sometido polo Deportivo, polo equipo grande. Pode semellar soberbia; mais non. É amosar o teu potencial e decidir como e onde se xoga, algo que onte o equipo coruñés non fixo. Esta é unha competición na que os erros custan caros; unha liga que o Deportivo comeza con moitos negativos, os que lle van esixir os rivais; si, con negativos como se facía hai xa uns cantos anos. Se xa no primeiro partido, e na casa, non te impós nin intimidas, estaslle dicindo ao adversario que non es tan bravo; que es coma el. Logo non es o Deportivo. Non son quen para falar de cuestións tácticas, pero si de actitude (en xogadores e técnico) e un equipo poderoso sae a comerlle a alma ao adversario. Pero este saiu indenme de Riazor. Sen sofrimento. O asunto é que os outros rivais xa tomaron nota. E ademais van gañando. E non só hai que botar unha ollada a este grupo; hai que ollar tamén aos veciños que se están a topar cun asturianos moi febles, como era de agardar. Isto era o que tiña escrito cando faltaban dous minutos para que rematase o partido. O gol de Bóveda non me produciu nin ledicia, supoño que sería unha descarga de algo, adrenalina ou o que for. Pero en nada mudou a miña opinión do que foi este encontro. O grande ten que amosar que o é e facelo a base de golpes e contundencia, e iso non o ten o Deportivo. E se o ten, disimúlao moi ben. Quedei ledo? Si. Pero agardaba máis; moitísimo máis. Só me compensa pensar que eles tamén pensan o mesmo.