José Antonio Vilariño (A Coruña, 16-1-1952) finou onte. Piño marchou con 68 anos. Para min de súpeto, porque non hai tanto ainda cadrara con el polas rúas do centro. Un futbolistas típico da canteira coruñesa, gostoso da pelota, habelencioso e que tentaba máis servir balóns de gol aos seus compañeiros que de marcalos. Quizais porque o seu oficio era xogar na banda. Piño era tamén coñecido por el Botones, como lle chamaban os seareiros deportivistas, porque desempregou esa función na sede do clube. Era, nos seus tempos mozos, o encargado dos recados nas oficinas da entidad branquiazul. Ata que Arsenio decidiu que podía ser futbolista e lle abriu as portas de primeiro equipo cando so tiña 20 anos.

Piño era un extremo dos de antes, deses que xogaba pegado á liña de cal. Deses que so baixaban ata o medio do campo porque so estaba para atacar. Era baixo, pero cun pé dereito centelleante co que era quen de deixar a tres rivais clavados no espazo que ocupa unha baldosa. Como case todos os futbolistas saídos de A Coruña, non so tivo que sofrer as críticas das bancadas, senón que era dos peor tratados naquela época.

Lembro unha conversa de hai algo más de tres anos, cando comentamos o pasamento de Manolo Loureda. "Un fenómeno e un grande compañeiro e amigo", lembraba. Notábase que había algo no seu fondo cando falaba de Loureda. "O Patadas, chamávamoslle", dicía Piño. "Cando subín ao primeiro equipo se non me saía o primeiro nin o segundo regate a xente pitábame e eu me desmoralizaba. Entón viña o Patadas e me dicía: 'esquecete da xente, fai o que sabes facer, como se eles non estivesen'. De canto me serviu o seu alento!", dicía.

Piño era habitual no extremo dereito, era un mozo a carón dunha morea de xogadores da casa afeitos a subir e baixar de Segunda a Primeira, de Primeira a Segunda. A súa estrea foi no curso 1972-73 nun Sporting-Deportivo (0-0) na temporada no que equipo coruñés descendera a Segunda (na seguinte caera na Tercerira). Xogou tres encontros de Liga e tres de Copa, competición na que tuvo unha salientabel actuación en Sarriá perante o Espanyol (1-2) onde anotou o gol do empate e Pepe Vales fixo o segundo dos coruñeses, que abondaron para meterse en cuartos de final. Despois, a eliminatoria perante o Málaga xa foi outra historia.

Piño viviu con 21 anos o descenso a Segunda División, e un ano despois a caída a Terceira, pero foi partícipe do ascenso e de dúas temporadas máis en Segunda. Despois chegou a súa marcha ao Salamanca. No equipo do Helmántico estivo a piques de coincidir con Eduardo Seoane, o porteiro de Visma, que fora traspasado unha temporada antes ao clube charro, pero cando Piño chegou, Seoane saíra cara o Oviedo.

Cando deixou o fútbol, José Antonio Vilariño regresou a A Coruña e se adicou a adestrar aos máis cativos, especialmente centrado en SantaMaría del Mar. Un vicio que semellaba ser xenérico porque o seu imán Manolo, que tamén militou unas categorías inferiores de Deportivo, adicou boa parte da súa vida aos cativos do fútbol coruñés, entre eles aos da base do Deportivo. Moito paseaba, mesmo o teño visto por San Roque, e moito e ben falaba de todos os compañeiros daquela, de cando se produciu a súa estrea. Quizais o de falar ben era outro vicio que tiña.