Non foi sen tempo que alguén o dixese, neste caso soltouno berrando no medio das bancadas do Luis Ramos de Guijuelo. Creo que todos ouvimos a frase: "Vamos, que no son tan buenos". Foi alguén que non hai moito tempo tiña o costume de ollar os partidos por televisión e mesmo que seguro que gozou con moitos deles e que tiña na súa retina imaxes que non son doadas de borrar, como tampouco o son de borrar da memoria (é unha crenza). O Deportivo xogaba en Guijuelo perante un equipo novo, de apenas oito anos de vida e que nunca pasou máis aló da Segunda B. O Dépor, ese equipo que gañou a Liga hai vinte anos; ese equipo que andaba erguido polos máis grandes campos europeos; ese equipo... do que só quedan as cores e o escudo. Si, xa sei, un palmarés inesquecíbel e unha débeda que se está a pagar e que hai que pagar durante moitos anos. Non se trata diso. Do que falo e que mesmo antes de que chegase esa etapa de esplendor o Deportivo impuña respecto aló por onde ía en Segunda División, xa non falemos cando lle tocou estar en Segunda B e en Terceira. Todos agardaban os branquiazuis con gañas, coa intención de facer o partido do ano; todos multiplicaban as forzas; todos... como agora. Pero aqueles futbolistas nunhas circunstancias semellantes -campos complicados, moito máis que agora; desprazamentos moito máis longos- souberon manter ese respecto co que chegaron á categoría e iso foi o que lles permitiu subir á primeira. Veño tempo dicindo que o pior que lle pode pasar a un equipo poderoso é que non sexa quen de intimidar. É o que lle está a pasar a este Deportivo, que nin tan sequera na casa é quen de amosar a súa superioridade teórica. Quizais é porque está feito para agardar e facer contras, e non para domiñar. Así pódese entender. E si, éche o que hai.