Enredado na procura da fórmula que permita que o Deportivo xogue mellor cando ten o balón, Fernando Vázquez está máis centrado en “atopar fórmulas que leven o equipo a que estea seguro do que estamos a facer e que nos prepare para a segunda fase da competición”, explicou o adestrador branquiazul onte en rolda de prensa. “Que a forma de xogar nos diga por onde temos que ir e despois que o resultado nos diga si funcionada ou non. Imos expoñer e a ver que pasa co resultado, o resultado nestes momentos non é tan vital”, razoou o técnico de Castrofeito.

É sabedor de que o seu equipo está a acadar resultados positivos —tres vitorias e dous empates—, pero tamén o é de que as sensacións non son boas, por esa razón a súa teima con atopar o xeito de que o equipo teña “máis enerxía”. “O que me ocupa é que o equipo sexa máis fluído e con máis enerxía; non sei porque razón, quizais a pretemporada tan rara, nestes momentos de inicio de liga sinto que o equipo lle está costando rodar polo campo con máis fluidez. As causas son múltiples, evidentemente. Estamos nunha marcha moi monótona, é como se lle faltase un pouco de chispa”, explicou.

Aínda que sexa este asunto o que máis ocupe a Fernando Vázquez, e este suliñe que o resultado “non é tan vital nestes momentos”, o adestrador si sabe que o que importa é gañar, por iso mira de esguello ao grupo B, ademais de atender o que fai o seu equipo e os rivais directos. “Eu sempre digo que temos a posibilidade de sumar tres puntos, e hai que facer máis puntos porque hai que chegar en ventaxa con respecto ao outro grupo ao que miramos de reollo”, recoñeceu. A situación mudaría se os seareiros puidesen ir ao estadio de Riazor, pero non é o caso. “Seguro que estaríamos moito mellor”, asegurou o adestrador branquiazul. “O outro día —perante o Coruxo— sentíame empoderado pola presenza de mil seareiros; eu creo que o equipo gañou ese partido pola xente que había nas bancadas. E con Riazor cheo, sería espectacular”, recoñeceu un Vázquez quedo, aínda que sensible con certos comentarios que si afectan o rendemento dos futbolistas. “Eu non digo que non haxa crítica, pero os xogadores cando teñen confianza dan mellor rendemento. O ano pasado tiñamos un empuxe que este ano non notamos, pero creo que a maioría dos deportivistas están co equipo, están comigo e están co clube”, rematou.

Keko, difícil que xogue; Rolan, “máis cerca”

Do estado dos seus futbolistas, Fernando Vázquez recoñeceu que Keko Gontán afástase do partido de mañá perante o Racing de Ferrol. “É unha dúbida alta; tivo malas sensacións (no adestramento de onte) e si vemos que sigue así será descartado”, dixo o adestrador. Outro nome propio é o de Diego Rolan, de quen asegurou que “está máis cerca”, pero non en condicións de xogar 90 minutos. “Está para xogar, e podería ter minutos o domingo”, pero o que máis lle interesa do uruguaio é saber “cando sería máis ineteresante” darlle entrada. Os únicos futbolistas totalmente descartados para o partido de mañá son Derick e Miku, todos os demais, pendentes de Keko, poderán entrar na convocatoria que o adestrador deportivista dará hoxe para enfrotarse a un Racing que amosa “unha forma de xogar moi semellante na casa e fóra”, onde acadou a dúas únicas vitorias da temporada. “É un equipo forte”, suliñou Vázquez.