Nada mudou e o Deportivo recuperou a primeira praza do seu subgrupo. Outra vez pola mínima; outra vez sen encaixar gol; outra vez deixándolle o balón ao adversario. Séntese cómodo así o equipo de Fernando Vázquez e vai acadando resultados positivos. Agora ben, iso implica moito risco. Non se pode esquecer que na derradeira xogada o Racing de Ferrol tivo un córner e nesas xogadas pode acontecer de todo, un mal rexeite, unha man, calquera cousa. De feito sucedeu na primeira parte cando un balón cae enriba do brazo de Mujaid, o árbitro non pitou nada, pero se pitase habería que estar calado. Este o principal problema que vexo eu, que cun gol non sempre abonda. Controlou ben o Deportivo, sobre todo na primeira parte, que xogou onde quixo e cando quixo, pero carente de profundidade como amosa que apenas rematou á portería de Diego Rivas. A xogada sobranceira foi un balón longo de Celso Borges a Rolan, que o dianteiro non alcanzou porque o gardameta visitante estivo listo e sacou coa cabeza fóra do área. Pouco máis, un disparo frouxo de Galán, outro que mandou por riba da portería, e un par de aproximacións na segunda metade. Abondaron? Si. Pero creo que é preciso moito máis co balón en propiedade. Insisto no que xa dixen moitas veces, o Deportivo tense que impór, é o grande o no pode deixar que os adversarios lle perdan os respecto. Pódenlle gañar, por suposto, pero ten que amosar que é o mangallón deste grupo. Polo menos na niña opinión.

Por certo, que o deportivismo quere estar en Riazor sábeo todo o mundo; a situación que estamos a vivir tamén. Por iso me parece unha irresponsabilidade o que aconteceu onte en Riazor cando chegaron os xogadores. A forma é algo incríbel. E non so iso.