O Deportivo cerrará a liga en 2020 en Riazor o domingo diante do Celta B (17.00 horas), un partido que ten un grande atractivo para o conxunto celeste e no que os branquiazuis tentarán defender o liderado. Malia enfrontarse a un equipo do Celta, Fernando Vázquez amosouse onte categórico en Abegondo: “Non o considero un derbi; o derbi do Deportivo é co Celta, non co seu filial”. “É un adversario máis que chega a Riazor”, engadiu o adestrador de Castrofeito, que anda na procura da fórmula que permita o Deportivo vencer para manterse no máis alto da táboa clasificatoria e seguir coa racha vitoriosa na casa.

O técnico deportivista recoñeceu, ademais, que este encontro pode ser “doloroso e forte” para a deportividade, afeito a loitar co primeiro equipo de Vigo, pero isto foi o que provocou o descenso o ano pasado. Por vir a Riazor, Vázquez cre que os xogadores celestes teñen “motivación”, de feito Onésimo, adestrador do filial céltico, ten pensado chegar con todo, non como fixera na quenda anterior diante do Compostela, cando apenas tiña os seus mellores xogadores, que estaban co primeiro equipo. “É un equipo que xoga ben, con calidade e alegría, pero para nós é un equipo máis que chegará a Riazor”, engadiu o técnico. “Non estou pensando coma se o Celta estivese á fronte, quero gañar e convencer, como en todos os xogos, malia que iso non o estamos facendo nestes momentos”, engadiu Fernando Vázquez.

Se o rival chegará con todos a Riazor, tamén o Deportivo recupera a varios efectivos, pois Diego Rolan está con máis adestramentos e tamén conta cun Rui Costa en “mellor estado”, ademais de que recupera a Miku. “Non é cuestión de dianteiros, é de todo o equipo, é certo que nos falta gol, pero aos poucos imos cara a adiante como amosamos no anterior partido diante do Pontevedra”, argumentou o adestrador de Castrofeito. “Poderiamos falar se a progresión, de penetración, de profundidade, de ocasións de gol estamos faltos. Pero o equipo está dando pasos cara adiante no sentido de que ten un ritmo diferente y unha dinámica especial”, especificou o adestrador branquiazul.En calquera caso, Vázquez asegurou que aínda dispón de tempo “para decidir” como quere xogar fronte ao Celta B. Na aliñación a presenza de Costa gaña enteiros á carón de Rolan. “Cada vez que sae dá indicios de que pode ser importante para nós”, valorou Vázquez. O portugués está considerado como o típico atacante da “escola Cristiano Ronaldo”, pois se trata dun futbolista moi vertical. “Cada vez que colle o balón só ten na mente a portería contraria”, din de Costa os técnicos que o ven traballar en Abegondo.

Queda aínda o adestramento desta mañá, despois do cal Vázquez facilitará a lista de convocados, e aínda dispoñerá de tempo para decidir a aliñación que presentará no choque que pechará a liga en 2020. Será un encontró con seareiros nas bancadas. Algo que supón unha ledicia para o técnico. “Estou expectante e emocionado porque xa vin o comportamento do deportivismo no primero partido da temporada (perante o Salamanca). Agardo unha atmósfera marabillosa, reencontrarse co fútbol que é a relación equipo-bancada. Iso é un partido de fútbol. Fútbol en estado puro”, salientou Vázquez. Coa presenza de xente nas bancadas “os xogadores sentirán ese alento, esa sensación de volver reencontrarse coa súa xente. Iso vai ser moi importante e moi diferente. A sensación de xogar nun estadio baleiro a facelo con público... É fundamental”, subliñou Fernando Vázquez.

“Non sei que vai pasar, pero imos desfrutar de Diego Rolan mentres o teñamos”

Fernando Vázquez ten a súa referencia en ataque desde hai dúas xornadas, cando dediciu que Rolan podía estar a disposición do equipo. Nos dous marcou. Mais o adestrador non quere pensar o que poida acontecer. “Non sei o que vai pasar. Eu podo expresar un desexo, que é que me gustaría que seguise, pero tamén estou nun clube do que sei cales son as necesidades. Ogallá poida seguir. Como dixen imos desfrutar del mentres o teñamos, pero do futuro non podo falar”, salientou. A presenza do dianteiro uruguaio, a recuperación de Miku, a melloría de Rui Costa e o traballo de Claudio Beauvue conceden máis posibilidades ao adestrador para facer un once. “Non depende do número de puntas para xogar máis ou menos ben, o que fai vistoso é a dinámica alta e o ritmo alto. Todos son importantes. Poderiamos falar dos medios, dos puntos, pero a min interesame o xeral, é dicir, ritmo, alegría, movilidade, dinamismo...”. Respondeu tamén sobre os dous partidos de sanción a Javi Lara, despois da súa expulsión en Pasarón. “Considerei excesiva a expulsión porque o reglamento di que hai que expulsar a un futbolista por causa grave e non me pareceu no momento;e dous partidos de sanción... non quero decir como está redactada a Ley. Paréceme un atentado, por unha tontería que prohibas xogar o futbol a un profesional...”.