Falar de Arsenio Iglesias Pardo éche ben complicado, pola figura, polo que é e por como representaba ser. A todos se nos enche a boca para falar deste home que hoxe cumpre 90 anos, e que difícil resulta. Porque xa non era doado coñecelo. Non se deixaba moito, malia que as veces asomaba un chisco o que verdadeiramente era, e non esa figura creada sobre todo por certos individuos que a 600 kilómetros de distancia domiñaban como ninguén o que acontecía en provincias. Eutiven a sorte de compartir con Arsenio Iglesias certos momentos durante uns dez anos, en Riazor, na Torre, na Grela, e por aí adiante, mesmo por algúns lugares aos que a UEFA levou a aquel Deportivo. Cantidade de contos, cantidade de sabiduría, e non so popular, dun home con carácter, rexo, e que tiña ás súas teimas, pero que a algún nos tratou como meniños ainda que xa mudábamos pañais. Sen ser idólatra, este home sempre me chamou a atención. Quizais fose polos pitillos que me apañou, que logo me compensou de súpeto, quizais porque a todos os que andábamos co equipo por eses mundos de Deus nos tiña certo agarimo de pai, ainda que xa lle abondaba con pensar nos seus nenos (os futbolistas) e os adversarios. Canto sofreu en Copenhague camino de Trondheim por mor dunha folga que soprendeu a milleiros de pasaxeiros. Horas e horas os futbolistas tirados no chan un día despois dun partido e con milleiros de kilómetros por percorrer, ainda que fose en dous avións, algo que non aceptaba, que ninguén puxese solucións; que nin sequera as buscase. Esa era a súa dor. A ledicia agochada despois de vitorias históricas en campos históricos. A tristura de días deses nos que había “moito que dicir e pouco que contar”. Eses días de agardar a que se xogasen os once minutos da final da Copa do 95 en Madrid. Ese xantar con el na capital do estado aos poucos días de que asinase como adestrador do equipo do Bernabeu. Moitas lembranzas. Mesmo outras que se foron producindo cando cadrábamos polas rúas da cidade. Escasas. menos das que eu gostaría. Pero valoradas. Sinto un agarimo moi especial por este home, por esta persoa. É lenda do deportivismo, sen pretender selo, pero contra diso no pode loitar. É grande para o deporte desta cidade, no so para clube branquiazul. E xa son 90. Parabéns!! Os mesmos que hai uns meses cumpriu outro grande para min, Juan Guillín, un xornalista que me levou da man cando eu comezaba nisto. Alguén que me ten contado a súas historias de cando fixera a mili con Arsenio. Hai 70 anos deses contos! Tambén para el o meu respecto e o meu agarimo. Canto deron e ata onde chegaron. Outros… xa quixeramos. E isto é o que me pedía o corpo dicir, sin dicir moito. So amosar ese respecto que alguén gañou, polo menos comigo, como persoa e como adestrador, pero isto está xa nun segundo plano.