Chega a Copa para molestar como acontecía hai anos porque é un torneo feito para os grandes, como lembra Fernando Vázquez, no que os cativos nada teñen que facer. Só cumprir co seu rol de secundarios porque non lles queda outra. Ten ademais un problema engadido o partido do mércores, que o que xogue vai querer gañar. Acontece con todos os que están afeitos a competir. Xa sei que é unha competición de lembranzas marabillosas para o deportivismo, pero agora a historia vai por outro lado. Outro conto sería se cada rolda fose a un único partido, e digo todas, pero iso non lle interesa os grandes clubes. Hai medo. Tal como lembro as semifinais perante o Valladolid e as dúas finais de Madrid, tamén teño na cabeza aquela penúltima rolda de 1992, cando o Deportivo xogou diante do Atlético e tiña polo medio a promoción co Betis. Que fixo Arsenio? O máis sensato, desbotar un soño que xa lle desfixeran uns anos atrás en Zorrilla para ocuparse da realidade, que era acadar a permanencia en Primeira. Atinou, como case sempre, o de Arteixo para felicidade do Atlético que chegou á final con moita comodidade. Agora acontece algo semellante, para que gastar folgos se dentro duns días vai estar enfronte un grande e te vai mandar para casa porque tes no medio o máis importante: a liga. O asunto é que o partido é contra un adversario de Primeira División e que o lóxico é que venza. Ou non. Pero se sucede o que eu creo será outra derrota máis na conta do equipo branquiazul, a segunda deste curso. Terá a trascendencia da primeira? Hai alguén agardando a que o equipo quede eliminado para facer mudanza? É que falar estase a falar moito desde hai un tempo; hai quen se gaba mesmo de facelo. E iso non é nada bo para atopar a tranquilidade que precisa un equipo que leva bos números na competición que convén ao clube; pero quizais haxa outro tipo de interés. Non sei, pero desde logo o comezo de ano está sendo movido e iso que non hai competición. Disque hai maletas preparadas. E o conto é que tanto para saír como para entrar. Xa pasou o Nadal, pero alguén aínda está con gañas de voltar a casa e alguén con máis gañas aínda de que o faga. A que prezo? E non falo só de cartos. Xa veremos.