Hai palabras que din moitas cousas e hai moitas palabras para referirse a unha única cousa. E hai despistes. Onte escribín no medio da información que facía referencia a José Manuel Corral, que John Toshack fora despedido polo Deportivo en febreiro de 1997, que foi cando chegou Carlos Alberto Silva. E o certo é que empreguei mal unha palabra, porque o Deportivo non despediu a Toshack, foi o adestrador galés o que presentou a súa dimisión. Así o fixo e así o dixo, como tamén salientou que so quería cobrar ata que dirixiu o seu derradeiro partido como adestrador branquiazul, que foi o 9 de febreiro de 2007 en Riazor perante o Celta (2-2). Lembro a Toshack marchando cara os vestiarios e respondendo aos seareiros de Tribuna Inferior (non tiña costume de calar) despois de empatar diante dos celestes. Ao día seguinte decidiu presentar a dimisión. “Só vou cobrar ata o día que traballei”, dixo no seu adeus. Insistiu nese asunto diante de min nunha conversa privada, e o mesmo me dixera naquela época Roberto Veira, un dos conselleiros que mellor trato tiña co galés. Toshack marchou como catro anos antes marchara Oleg Romantsev, aínda sen chegar a coñecer ao equipo, e como anos despois do galés marchou Joaquín Caparrós. Desde 1988 houbo dous nomes propios no banquillo branquiazul, Arsenio, de forma discontinua e marchou porque non aturaba o que se dicía de el; e Irureta, que decidiu pechar o seu ciclo en 2005, cando comezou un camiño costa abaixo, só aliviado con Miguel Ángel Lotina —ese deturpado por algún sector— co que o Deportivo volve a Europa. Ese adestrador que daba resultados e mesmo bo trato ao balón.