Xa sei que so é un partido, xa sei que eran once contra once e que todo pode pasar. Seino. Tamén sei que en todos os anos que levo vendo ao Deportivo nunca, nunca, ollei o de onte. Estiven en Riazor en Terceira, tamén en Segunda B hai corenta anos, pero o que está a pasar … no atopo termo. Xa non é cuestión de estilos futbolísticos, agora só se trata de resultados e o Deportivo daquelas dúas tempadas no inferno foi quen de acadar resultados. A proba é que ascendeu á primeira tanto en 1975 como en 1981. Agora, nin hai futbol, nin hai resultados… Hai a nada. Perdón, algo hai, a preocupación por atender a quen pode estar Riazor seguindo o partido en directo. Iso si que preocupa. Poderíamos falar da curiosa distribución de 200 localidades. Supoñen o 40% do aforo do que dispón o clube nestas datas que nos tocan vivir. Que máis dá. Xa hai quen pague. Hai uns anos quedaba na barra de xeo —esa que nunca se derretiu e que acabou dicindo que había a remollo máis de 160 millóns de euros—, agora en Rúa Nova. Ven sendo o mesmo un que 18 millóns. Máis os que xa estaban a remollo. Que mágoa! Xa metidos en gastos, malo será que non haxa máis para tentar non perder todo o investido. E agardemos que non haxa máis sorpresas como a que se soubo a semana pasada, ainda que no clube o terían que saber desde outubro, sobre eses 4,5 millóns que tamén terá que pagar o dono. Cartos, por certo, que proceden da xestión anterior a entrar no concurso de acreedores. Pero a estas alturas do conto, xa vale todo. Ou nada interesa. Porque a desgana está gañando adeptos entre o deportivismo. Si, ese deportivista anónimo que sente desde hai tempo; ese que deu e dá só por ver partidos de fútbol. Porque tamén hai deses que dan, sobre todo palabras, a cambio de… Din que ese é o deportivismo de agora. Unidade, paz social, volta ao pasado e reiterar frases argalladas que son o que son ata que de tanto dicilas se convirtan en verdade. Un método, xa tempo empregado, que ten vixencia. Ah! E non falo do consello.