Outro partido máis sen gañar, e van seis consecutivos, que é unha barbaridade para o Deportivo. Destes últimos 18 puntos o cadro coruñés acadou tres. Unha ridiculez. Con estes números só se pode ir a un sitio: dereito a Terceira. Xa nin sequera se pode pensar na Liga Pro nin na Segunda B. Unha mágoa. Pouco máis se pode agardar dun equipo que desde o 29 de novembro só é quen de acadar un empate como local. Si, porque hai que lembrar que os dous partidos anteriores en Riazor remataron con derrota perante o Celta B e o Compostela. Xa sei que Riazor sen xente non é o mesmo; pero tamén sei que Riazor é Riazor para calquera visitante, un nome que impón e un escenario que marca. Case mellor empregar o pasado, porque polo que se olla aquí xa marcha con puntos calquera. E unha cousa, os xogadores son os principais prexudicados de que non haxa seareiros nas bancadas, e non serve de excusa, pero os dirixentes teñen que estar agradecidos porque non reciben o sentir do deportivismo. Si, xa sei que teñen favores gañados da grada de animación e haberá quen berre máis, pero… A ver, cal é a causa de que non xogase onte Rolan se segue a ser futbolista do Deportivo? Pregunta doada. Gustaría coñecer a resposta do uruguaio, pero non vai ser. Estaba na súa casa e non por que el o decidise. E creo que tampoco Rubén de la Barrera. A única contestación posíbel é que quen manda quedou farto e dixo que había que ingresar polo charrúa, o que supón deixarlle de pagar. Que non é pouco. Queda hoxe para traer caras novas. Queda hoxe! E por diante quedan seis partidos máis, seis semanas máis que sumar ao que cada un ten que padecer con este bicho que temos de visita. Outro asunto, sen facer grandes cousas, onte o Deportivo fixo dabondo para gañar. O que non fixo o seu traballo foi o árbitro, pois hai polo menos tres penaltis moi claros que tivo que ollar. Estaba moi preto da xogada.