O balón é o que ten o poder neste eido do fútbol; del depende case todo. Trae ledicias, pero tamén causa estragos. Nada novo. Supoño que tampouco o é que ás veces decida máis que os cartos, algo do que por aquí podemos falar e moito. É propio do fútbol lembrar aqueles momentos históricos para ben ou para mal e acompañar esas imaxes ou esa conversa coa frase que comezamos por “se...”. Se aquela pelota entrase; se non se perdese aquel partido; se... O eterno conto. Isto ou algo semellante xa se viviu en Riazor máis veces. Lembro o que aconteceu no curso 1987-88 cando tamén houbo tres presidentes —Andrés García Yáñez, Carlos Morato e Julio Meana— e tres adestradores —Eusebio Ríos, Luis Rodríguez Vaz e Arsenio Iglesias—, un ano para esquecer sobre todo porque na campaña anterior o Deportivo rematara en postos de ascenso, pero nesa temporada, xusto nesa, había play off. O Deportivo tampouco ascendeu. E un ano despois abafaba por non caer en Segunda B. E chegou o gol de Vicente, un gol que amañou problemas moi serios xa que daquela tampouco había cartos e había moita débeda; como agora. Alguén dicía estes días que fora unha mágoa aquel cabezazo de Pablo Marí en Mallorca no derradeiro segundo, canto cambiaría o conto! Pois si, pero o que aconteceu non ten volta. Como tampouco o da campaña pasada, cun plantel para pelexar polo ascenso que rematou co descenso. Ou no curso actual, con futbolistas sobranceiros que calquera adestrador da categoría querería ter, pero... O ano pasado había cartos, menos que o anterior, e neste houbo dabondo e o resultado é o mesmo. A causa? Eu non a sei, pero hai moitos erros en todos os eidos, e tamén diría que o balón non vestía de branquiazul. E tamén houbo cousas boas, pero por aquí a paciencia semella que fuxiu. O balón manda; e cando non hai cartos o seu poder multiplicase. Disto semella que xa sabe un pouco máis Escotet, que ata hai moi pouco a súa empresa, Abanca, ía cobrando a cota da débeda. Polo menos ata que estivo Paco Zas. A partir de aí, despois do acordo que asinou con Fernando Vidal, Escotet non só deixou de cobrar o que debía o Deportivo senón que tivo que pór cartos. E din que non son poucos. Unha diferenza sobranceira. E se por riba a pelota segue sen vestir de branquiazul...