Morría o partido e acoraban os xogadores do Deportivo e eu non daba crédito. Un encontro que tiña que estar resolto a falla de media hora estaba a piques de rematar co rival empurrando na procura do empate mentres aos branquiazuis queimáballes a pelota nos pés. Neses momentos o que me pasou pola cabeza foi que se fose alguén alleo a calquera dos dous equipos desexaría que o Guijuelo empatase. Así de simple foi o meu pensamento. Despois do que ollaba xa era xeneroso dabondo. Eu entendo que iso da ansiedade afecta a uns futbolistas que non están acandando os resultados agardados; entendo que se poidan ver superados, pero alguén terá que haber que poña un pouco de acougo! Que hai xogadores con experiencia internacional para facer iso! Laiámonos dos dous erros de Rai, un en cada periodo, nos seus remates. Certo. Esas oportunidades non se poden errar, pero o futbolista rematou a xogada, fixo a elección axeitada. O que xa non entendo é que cando faltan dous minutos e medio non se saiba pisar o freo e marcar o tempo que interesa. Un balón longo de Koke a Beauvue, este controla moi ben no área, pero só, e o que se lle ocorre é tentar pegarlle cara portería desde una posición pouco axeitada en vez de saír, recuar e buscar a un compañeiro para manter a posesión da pelota. Non é tan difícil, digo eu. Por riba, no momento do remate nin acertou co balón. Un agasallo para o rival que aínda tivo outra oportunidade de chegar perto da portería branquiazul. É o exemplo do que está a pasar neste equipo. O cerebro non manda. Outro exemplo, Borja Galán recibiu no centro do campo, balón longo por banda e… ou pasaba e despois decidía ou falta. Aí rematou o partido. É normal que exista esa ansiedade, pero creo que hai cousas que a experiencia indican que hai que facer doutra maneira. Malia eses minutos, o Deportivo puido ter asegurado o partido con certa comodidade, só faltou acerto. Hai días. Onte non me disgustou.