Estaba eu matinando cando rematou o partido que polo menos este ano non haberá que agardar á derradeira xornada para coñecer o desenlace. Outro erro meu. Porque o que onte morreu foi a posibilidade de acadar o obxectivo único, que era o ascenso; o que queda é tentar fuxir das últimas catro prazas para non ter que pelexar por evitar o descenso a Terceira. Non hai outra. Outro obxectivo no que non pensaba ninguén. Eu non. Esta caída en picado semella moito a de 1972-1974, cando no curso 71-72 o equipo puxo fin a dous anos consecutivos na elite, e cae de Primeira a Terceira todo seguido. Un equipo que sofría na máxima categoría, pero que na segunda ía con forzas dabondo para ascender, ata ese 73-74 que foi ao pozo cando era o principal favorito para acadar praza entre os grandes do fútbol español. O mesmo está a acontecer. Desde o non gol de Pablo Marí en Mallorca, no derradeiro encontró da promoción, todo sinalou cara abaixo. Houbo a descenso a Segunda B, coa man de Tebas polo medio, tamén a o CSD, e agora isto. O peor que acontece na historia do Deportivo. E non falo so de resultados, porque se diso se tratase penso que onte a derrota é inxusta, pero non serve de nada que fose así porque o Deportivo tiña que gañar e fixo moi pouco para merecer os tres puntos. É consecuencia do que ven acontecendo desde outubro. Ou antes, pero se se fala de antes, hai que ir moi atrás, porque que non se esqueza que o primeiro descenso a Segunda neste século data de 2011, e que en 2013 houbo outro. Descensos que chegaron por mor de… que son as consecuencias que ainda paga hoxe o Deportivo e que tardará en pagar. Hai moitas cousas mal feitas, especialmente no eido deportivo, pero non esquezamos o poder do balón, ese se... se... e co Deportivo non se dá. Para non fiar todo a ese poder, pode ser este o momento de pór as bases para que haxa anos vindeiros con outras asipracións e con outras perspectivas. Nin cando o Deportivo estaba en Terceira sentín o que sinto agora!