A canteira e paciencia. Son os dous termos cos que eu quedo da intervención de Antonio Couceiro na súa primeira comparecencia como presidente do Deportivo. É evidente que hai uns problemas económicos moi serios, que en boa parte se producen como consecuencia da situación deportiva do equipo. E iso en realidade é o único que lle interesa ao deportivismo. Xa cando chega unha situación límite tamén se pensa no resto, que son os cartos. Uns papeliños que permiten manter con vida calquera conto, calquera proxecto. É curioso que a estas alturas aínda haxa que lembrar que nos tempos de grandeza deportiva —Liga, Copa, participación na Liga de Campeóns— ninguén matinaba no importante, no diñeiro. O Deportivo saíu campeón en 2000; cinco anos antes gañara a primeira Copa, e dous despois a segunda. Todo ben acompañado coas respectivas Supercopas. As consecuencias son estas. E non só por iso. Hai quen dá por bo todo o acontecido pola felicidade recibida durante moitos anos, supoño que será porque non lle afectou ao seu peto directamente o pagamento desta débeda. Agora hai que tirar da canteira. Iso di Couceiro. Iso dixeron tantos… E cantos sairon desa canteira neste século? No quero ir máis cara atrás. Os que saíron andan por outros equipos tanto en Primeira coma en Segunda. E non falo de futbolistas como Edu Expósito, un grande xogador, pero non é da canteira. Iso é outra cousa. E coma exemplo abonda coller unha foto dunha formación do Deportivo de hai 40 anos, si, desa época na que estivo en Segunda B por primeira vez. Unha foto de antes de comezar un partido ou tamén abonda con botar unha ollada ao plantel daquel ano. Iso que non foi precisamente unha época na que o primeiro adestrador tivese confianza nos rapaces da casa. Tan pouca tiña, que estragou a futbolistas como Alfredo, Ramiro, e outros máis, non o acadou con Vicente (o de estragalo) porque aínda era moi cativo. Falo dalguns nomes, só como exemplo, de hai 40 anos. E en todo este tempo? Saen outros moitos que tamén chegaron ao primeiro equipo, pero… ando na procura dun sonado como o foron Fran, José Ramón, José Luis, Piña, Beci, Traba, Seoane… rapaces da casa. Esa á que pertenecen todos os deportivistas, malia que sexa con outras cores. Deportivista é o que leva o amarelo (Orzán, Maravillas), o azul (Oza Juvenil, Orillamar), o verde (Ciudad Jardín), vermello (Vioño, Imperator), verde e vermello (Sin Querer), branco (Silva, Español, Sporting Ciudad), e cada unha das cores dos equipos de toda a comarca. Todo é deportivismo, e como tal hai que mimalo. Hai que moverse da Coruña e atender a eses clubes, xogar un partido, estar con eles, darlles axuda (económica e técnica). Non sei. Son cousas que levo escoitando hai máis de 40 anos, algún máis, e que nunca vin desenvolvidas. Non todos os rapaces van chegar arriba; de feito chegaría unha minoría, pero esa minoría tería que ser maioría no primeiro equipo, e sería a que marcase as pautas porque o faría desde o sentimento, alén das súas condicións técnicas. Moita cidade deportiva, moito bla, bla, bla, pero os rapaces seguen marchando, e os técnicos tamén. Esta é outra canteira, a dos técnicos. Está ben que en 2021 alguén pense dunha vez na canteira, pero, señor Couceiro, acho que lle tocou a vostede facer que as palabras sexan feitos. Vén vostede dun dos chamados deportes minoritarios e sabe o que é o sofrimento. E non é alleo á realidade deportivista da cidade e dos concellos próximos. Non precisou ser presidente do Deportivo para sabelo. Agora pode. Creo que a paciencia que demanda vai xurdir, non sei de onde, pero vai xurdir, e iso que é moito pedir. Porque, no interior, cada deportivista só arela estar no seu barrio coa garimba e cos amigos e poder dicir: “Ollade! Ese é fulano e é o fillo de… que é do barrio de toda a vida”. Pódese mudar o termo barrio por aldea, pobo ou calquera outro. Quen non quere xogar no Deportivo? Collamos a cada un dos meniños que están na base de calquera clube coruñés (non só da cidade) e preguntémoslle se quere xogar no Deportivo. A resposta é doada. Xa sei que cando máis cativo só pensas en Messi, pero eses ídolos nosos son os que temos preto, cos que te atopas pola rúa, cos que te atopas na tenda. Eses que viven o que ti vives. Ese sentimento é o que hai que aproveitar xa. Xa sei que teño uns cantos almanaques, e espero pasar máis, pero cando era cativo ollaba para Beci, Loureda, Seoane (entre outros), eses que xogaban no Deportivo e que vivían no meu barrio. Eses que aínda hoxe seguen no barrio e seguen partillando cos seus visiños de toda a vida. Ese é o sentimento. Non si Eduardo? O mesmo podería dicir de Álex Bergantiños, outro exemplo, pero non podo dicir tanto porque non é do meu barrio. Simplemente é doutro como o meu. Tamén deportivista. O reto non é cativo, señor Couceiro, pero vostede semella xuntar coñecementos con sentimento. Aínda que coidado, outros chegaron en condicións semellantes (coñecementos e sentimento) e se acabaron esnafrando. Polo ben de todos, oxalá non sexa o seu caso. Por vostede e por todos nós. É que, para min, sentimento é sinónimo de identidade nun caso como este.