Por algún sitio lin un día que alguén pedía que o deixasen vivir a súa vida, era o único que quería, non vivir as dos demais, nin que ninguén vivise a súa porque cando el morrese ninguén ía morrer por el. E hai quen aínda vive a vida dos demais. Onte houbo un exemplo. Xa días pasados dérame a impresión de que certos sectores estaban máis pendentes dun encontro de Segunda B, que ninguén atende normalmente, que do partido de verdade, tamén na casa. Foi unha percepción. Ou… o que ollaban era o rival? Ese chegado do norte? Si, o Deportivo. Tan pobre é a vida propia que un precisa vivir pendente do veciño? De ser certo, que creo que si, que queredes que vos diga… Xa me abonda coa miña, e non me chega ás veces, como para fitar o que faga o outro. Son xeitos de pensar. En realidade a min faime feliz saber que quen teño preto de min é feliz só con pensar o que eu fago malia que el non sexa quen de facelo. Alabado sexa eu que sen pretendelo son quen de axudar a un terceiro. Por iso, hai tempo que acabei por decatarme que custa pouco levar a ledicia á xente, algo que habería que agradecer moito nestes tempos que nos corresponden sobrevivir. Dúas, tres horas non son nada cando a xente pode ir de festa. E dá o mesmo que haxa que ir cando é máis tempo de almorzar que de tomar garimbas, perante a felicidade, o resto non importa. Si, andamos polo barros baixos, pero do mesmo xeito que antes estivemos coa elite, pero antes e agora cun fin: repartir felicidade. Xa tivemos os nosos anos de egoísmo, de gozar dos nosos éxitos, agora non hai nada mellor que amosar solidariedade e repartir. Hai que dar amor, paz e ledicia. E máis guitarras que haxa, o conto é andar de festa; e alugar pisos. É do que poden falar, dos meus fracasos, porque os seus triunfos nin chegan a iso. Éche o que hai! Alabados sexan eles! Iso si, con sentidiño.