O Día das Letras tamén ten un oco no mundo do deporte, por máis que poidan semellar espazos alonxados. A revista O Dez, achegará o fútbol á literatura no seu oitavo número coincidindo coa homenaxe deste ano a Xela Arias.

A idea partiu do gusto da publicación por buscar temas diferentes, alonxados dos clásicos relacionados cos deportes. Había un punto de partida, pero tirando do fío apareceron historias que engadir a un número que, sen ser un especial, céntrase no Día das Letras. “Sempre nos gustan os temas diferentes e o punto de partida era que Celso Emilio e Carlos Casares xogaran nos seus equipos”, argumenta Óscar Losada, colaborador de LA OPINIÓN e director de O Dez.

A partir de aí foron xurdido outras historias ata conformar un número que se completa cunha entrevista á porteira do Deportivo Abanca, Esther Sullastres, e unha semblanza sobre Helenio Herrera. “Tirando do fío saíu Luis Pimentel, que xogara no Lugo Sporting. Se tiras máis do fío sabes que Losada Diéguez foi presidente do Eiriña e que Castelao lle fixera caricaturas”, expón Óscar Losada.

En clave deportivista, o xornalista Luís Timiraos mergúllase na figura de Antonio Villar Chao, coñecido deportivamente como Chao, e fillo de Antón Vilar Ponte. Xogou coa camisola branquiazul aínda que o seu proxenitor renegaba do fútbol porque consideraba que representaba unha mala influenza para a mocidade.

Ademais de mostrar a vinculación de algúns dos homenaxeados nas Letras Galegas co fútbol, o número tamén pretende trasladar a idea de que o mundo da cultura non vivía de costas ao deporte, tal e como está extendido. “Iso non é así por parte da intelectualidade”, subliña Losada, “aínda que podemos ver que hai cousas no fútbol moderno que non nos gustan”.

A revista pode mercarse en diferentes puntos de venta, sobre todo quioscos e librerías, na xeogragía galega. Chega a cerca de 50 concellos cunha distribución vencellada á propia publicación, pero tamén se pode contactar a través da páxina de Facebook para conseguir algún exemplar.

Losada asegura que son de “venda longa” e que, tirando do símil futbolístico do “partido a partido”, teñen que ir “número a número”. Con esa receita xa chegaron a oito e manteñen o seu espíritu de buscar “historias diferentes”.