Noel marcou, Riazor estoupou e Xosé A. Touriñán quentouse. E coma el, todo o deportivismo. Ese tanto, a onda do 5-0 e a reivindicación do propio empurraron ao actor e cómico de Castelo a buscar fórmulas para patrocinar ao dianteiro e a todas as xoias de Abegondo e desa xeración de xuvenís que asoman a testa polo primeiro equipo. Aliouse co club e montou unha campaña de micro mecenas, que naceu co nome Un dos meus para chegar, como mínimo, a esa suma de en torno a 10.000 euros nos que que el Dépor fixou o patrocinio privado de cada unha das camisetas dos seus xogadores.

E en pouco máis dunha hora, o deportivismo respondeu e foi xuntando euro a euro ata poder poñer ese slogan na parte superior das costas do seu canteirán fetiche. E non se detivo aí. Nunha tarde histórica a bola e a cifra non parou de medrar co contador en 40.000 euros ao peche desta edición. Xa para entón estaba en marcha a terceira campaña de crowdfunding, a derradeira, aínda que sen límite, segundo revelaron Touriñán e o propio Deportivo. O patrocinio de Trilli tamén estaba acadado e os seareiros querían máis. O que comezou como unha brincadeira nas redes sociais tras unha noite de ledicia acabou por servir de pé para que o deportivismo fixera unha demostración de forza, para que tivese un novo xesto cos seus canteiráns, os mesmos que seguen apostando polo seu clube, a pesar de ser dos máis perseguidos do fútbol español.

“Coidade dos nosos, apostade por eles e que teñamos un gran ano. Vaia día incrible! Dépor, tes a afección máis caralluda do mundo”, escribiu Xosé Touriñán nas súas redes sociais pola tarde cando o obxecto da campaña estaba máis que acadado. Sumábase nese intre a idea do Deportivo de que, tralos patrocinios fechados de Noel e Trilli, cada tramo de 10.000 euros que se consiga irá adicado aos canteiráns que vaian debutando cos maiores, con Yeremay Hernández, Peke, na primeira liña da grella de saída. “Seguimos até onde a nosa forza queira e todo o recadado destinámolo a patrocinar a cada xogador da nosa canteira que debute cos nosos este ano”, apuntaba o propio Deportivo na súa conta oficial.

Este xesto do deportivismo chega trala goleada ao Celta B e xusto cando Guille Bueno acababa de rematar a súa fuxida ao Borussia Dortmund e xusto cando Noel negocia a súa renovación co Deportivo. A grada fala alto e claro.