Fútbol | Deportivo

A Real Academia apoia o cambio de nome do Deportivo: «Non habería maior chiscadela para os mozos»

O novo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, reforza a petición da plataforma ‘Aquí tamén se fala’ para que ‘O Dépor sexa da Coruña’ e mude o topónimo

Os rapaces do IES Rafael Dieste promoveron a iniciativa ‘O Dépor é da Coruña’. |  Cedida

Os rapaces do IES Rafael Dieste promoveron a iniciativa ‘O Dépor é da Coruña’. | Cedida

Carlos Miranda

Carlos Miranda

A Coruña

No medio de moitas entrevistas, dos primeiros contactos inherentes as súas novas responsabilidades e dunha axenda repleta ate o Día das Letras Galegas, o novo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, ten un anaco de tempo para recoller a luva de Víctor Freixanes, quen foi o primeiro asinante da solicitude, e reforzar a petición da plataforma Aquí tamén se fala para que O Dépor sexa da Coruña e adapte o seu nome ao topónimo da cidade na tempada 2025-26, ano no que vivirá o seu 120 aniversario. É unha iniciativa popular que parte do instituto Rafael Dieste da Coruña e que vai callando. Iso si, debe atopar tamén eco no propio club, quen é o que ten que tomar a decisión final. Adeus o Real Club Deportivo de La Coruña e ola ao Real Club Deportivo da Coruña. «Sería, por unha banda, cumprir co requisito legal, obviamente, de que os topónimos teñen como única forma oficial a galega e, por outra parte, está a raíz, buscar un enraizamento local co país. Non habería maior chiscadela coa súa afección, cos máis mozos, co sector da afección máis entusiasta», apunta o dirixente, quen vería ben reforzar as conexións máis aló do terreo de xogo. «O Deportivo debe buscar tamén esas complicidades, que non lle sobran lamentablemente nun momento que non é o mellor para eles no eido deportivo. A súa afección está aí apoiando, con toda a calor. Este tipo de cousas axudan a crear un ambiente», reforza o presidente da Real Academia Galega.

Xosé Henrique Monteagudo. |  Real Academia Galega

Xosé Henrique Monteagudo. / | Real Academia Galega

Monteagudo aínda non tivo tempo de falar cos profesores e cos rapaces da plataforma e tampouco co RC Deportivo. En nada tocaralle unha rolda de contactos cos actores sociais e coas entidades e, «xa que a Academia está na Coruña, haberá que empezar co Dépor», recoñece con sorna un Monteagudo que anima a entidade a «darlle folgos a xente máis entregada» con este tipo de accións.

Unha iniciativa popular

O académico resalta esa vertente popular da petición que tamén serve para impulsar o propio idioma. Máis aló das iniciativas das administracións públicas, o que realmente triunfa, o que realmente lle dá forza a lingua, é o que xorde do pobo. «O principal impulso para o galego sempre vén da sociedade. A Academia é unha institución que nace do propio país, que viviu moitas veces da aportación social, sobre todo, dos emigrantes en América. Agora, para o lingua, o que interesa a institución son estas iniciativas que saen da xente, sobre todo da xente nova. Son as que lle dan vida ao galego. A Academia pon o santo e a santa, o pobo é quen pon a festa, como quen di. Nós só poñemos a mensaxe da lingua, da lingua do país, da lingua de todos, e logo vén o apoio e o que fai a sociedade», razoa o académico nos seus primeiros días no cargo.

Tracking Pixel Contents