Deportivo

Unha reivindicación frustrada en Riazor polo Día das Letras Galegas

A Policía requisou unha pancarta de apoio á plataforma ‘Aquí tamén se fala’, que confía en citarse co clube para pedir o cambio do topónimo: «O 120º aniversario é unha oportunidade histórica»

Rapaces e rapazas da plataforma ‘Aquí tamén se fala’, en Riazor.  | |  CEDIDA

Rapaces e rapazas da plataforma ‘Aquí tamén se fala’, en Riazor. | | CEDIDA

Xane Silveira

A Coruña

Un día de celebración, de festa e deportivismo, quedou truncado por unha imaxe que vai contra todo o que debe ser o fútbol: unión, amizade e pobo. O tifo previo ao inicio do partido, cunha foto fixa vibrante e inesquecíbel en recordo do equipo campión da Liga no ano 2000, mudou no momento no que os Riazor Blues abandonaron o estadio minutos despois do inicio do xogo, un feito notorio tanto na imaxe como no ambiente. O motivo, segundo denunciaron, foi a confiscación dun tifo e unha faixa que estaban previamente autorizados polo club. Co lema «O Dépor é da Coruña», quería apoiar a iniciativa da plataforma Aquí tamén se fala dos rapaces do instituto Rafael Dieste para cambiar o topónimo do nome do club no Día das Letras Galegas. O Deportivo explica que a lona foi requisada polo seu tamaño, pero non polo seu contido.

Alberto Pombo, impulsor da plataforma Aquí tamén se fala e profesor no centro educativo, explica que o tifo foi unha «iniciativa dos Riazor Blues» para apoiar o movemento que dende fai un par de meses retomaron para cambiar o topónimo do Deportivo polo oficial da cidade: A Coruña. O impacto da campaña foi total, recibindo non so apio institucional, tamén da xente, do deportivismo e das peñas. «Xerando unha ilusión en diversos colectivos. A Federación de Peñas entrou, fixeron unha conversa, e entre todos os colectivos tamén están os Riazor Blues, que decidiron facer iso con moitísima ilusión». Co comezo do xogo «decatáronse» do que estaba a acontecer. Aínda que non se puido levar a cabo, quere mostrar todo «o agradecemento» pola intención de apoiar «unha campaña afastada de calquera polémica e que busca romper os muros do instituto para chegar a todos os sectores da sociedade».

"O 120 aniversario é unha oportunidade histórica para facer o que xa fixeron outros grandes clubs"

Alberto Pombo

Pese ao clamor popular, polo momento, a comunicación só é nunha dirección, mentres insisten e agardan unha resposta do Deportivo ou a posibilidade de facer unha reunión. «A xente quere isto e nos queremos que o club nos escoite. O que vimos nestes meses dende que se lanzou é un clamor popular absoluto. Non estamos atopando oposición», explica, ao que engade que, iso si, seguen «sen ter nada de nada, sen respostas».

«O que queremos e transmitir unha mensaxe de amor ao club, organizada pola rapazada de todos os institutos públicos da Coruña que participan de forma activa. O 120 aniversario é unha oportunidade histórica para facer o que xa fixeron outros grandes clubs», engade Alberto Pombo, que ten «a esperanza» de reunirse co Dépor. A espera dunha resposta que non chega, seguirán «facendo ruído nas redes» e traballando «nas mesmas liñas». O 13 de xuño, cun festival. 30.000 colantes despois, os folgos seguen intactos para que o Dépor sexa da Coruña.

A denuncia dos Riazor Blues

«Na entrada ao estadio, a Policía Nacional confiscou un tifo e unha faixa. O tifo, notificado previamente e autorizado polo club; a faixa, coas medidas axeitadas para cumprir a normativa tiña unha mensaxe de homenaxe á nosa lingua, Queríamos conmemorar o Día das Letras Galegas», expresa o colectivo. O Deportivo indica que foi unha decisión do coordinador en base á normativa e despois de constatar a situación, e engade que este só se permite a entrada de bandeiras e pancartas cun tamaño máximo de 3x2 metros.

Tracking Pixel Contents