Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As peñas do Deportivo ditan sentenza tras o cambio de nome do club: "Non hai mellor maneira de comezar o 120 aniversario"

Hai once anos aflorou unha reivindicación que hoxe se fai realidade e que as agrupacións deportivistas acollen de bo grao

Deportivo

Deportivo / CARLOS PARDELLAS

Carlos Miranda

Carlos Miranda

A Coruña

"Non hai mellor maneira de comezar o 120 aniversario do Deportivo". Vellas e unánimes reivindicacións maceradas no tempo que hoxe son unha realidade. Hai case once anos, o 6 de xullo de 2016, sentáronse nunha mesa coa Torre de Hércules de fondo representantes da Federación de Peñas del Deportivo, de Riazor Blues e de Old Faces para, cunha imaxe simbólica, iniciar unha campaña que levaba por título Eu Deportivo da Coruña pola que se solicitaba que o nome do club fose da Coruña e que se adaptase á toponimia vixente dende o ano 1998. Tamén pedían que o uso do galego se incorporase no día a día da entidade. Entón o esforzo foi inxente con recollidas de firmas en moitas agrupacións deportivistas en todas as localidades de Galicia e fóra dela, levando incluso a reclamación a xuntas de accionistas da etapa de Tino Fernández como presidente. Non foi daquela, pero no último ano a plataforma Aquí tamén se fala, relacionada con rapaces do IES Rafael Dieste da Coruña, fixo súa aquela vella aspiración e aquel obxectivo colleu forza. Esta vez o Deportivo foi receptivo e ten tomada a decisión de levar a medida adiante para que, por fin, o Deportivo sexa da Coruña. Un dos últimos empurróns chegou cunha enquisa que lle fixo chegar o club aos socios no mes de novembro na que quedou patente que o desexo era máis que maioritario. As peñas deportivistas, esas que nun primeiro momento deron o paso, recibiron con ledicia a boa nova.

"Esta idea vén xa de hai once anos", apunta Adrián Alcalde, presidente da peña Perla de Arousa, moi activa onte e hoxe: "Xa daquela nos apoiamos e trouxemos papeis á agrupación para asinalos. Estamos totalmente a favor, ademais, polo que falas coa xente, moitos dos nosos peñistas, que son entre setenta e oitenta socios do , responderon ao cuestionario online. Había no seu momento a reticencia dalgún, mestúranse cousas políticas, pero non hai mellor maneira de comezar o 120 aniversario. Tal vez chega algo tarde, pero é un gran logro. A sensación é que todo o mundo está a favor desta mudanza".

Dende Madrid, a peña Chamberí, na que en realidade hai "unha gran maioría de galegos exiliados", consideran que o cambio reflicte "o sentir da maioría", tal e como apunta a súa presidenta Ana Guerra, xa que é algo que "se leva moito tempo pedindo" e que vai reforzar "o sentido de pertenza" co club e co sentimento que xera. Recoñece que entre máis de cen peñistas hai sempre moitas sensibilidades, pero cre que a mudanza hai que asumila con "naturalidade" e que vén dada porque "hai un cambio de mentalidade" na sociedade e atópase unha maior receptividade a estas medidas.

Este sentir elévase tamén á propia Federación de Peñas Deportivistas, xa que o seu presidente, Luis Martínez, sente escasas voces discordantes coa medida e louva a capacidade do club e do consello para escoitar a súa xente: "Estamos moi contentos porque se vai a adaptar o topónimo ao nome do club. É unha reivindicación que hai dez anos nós comezamos con outros colectivos. Alégrame que o club escoitase a súa masa social. É unha boa noticia porque, a día de hoxe, non pasa en moitas entidades. Esperamos que se poida facer oficial pronto".

Os seguintes pasos

Era o gran desexo, pero esa enquisa de hai seis meses abría a porta a máis cambios. Algúns peñistas consideran que se debe afondar en todas estas medidas. "Nós esperamos que o himno chegue pronto. Sabemos que é complicado lograr un consenso con iso, pero hai moitos clubs que o teñen desde hai tempo e soa moito na saída do equipo ao campo para os partidos".

Tracking Pixel Contents