O 20 de decembro de 1907 estreábase na Habana o Himno galego, nunha celebración solemne no Gran Teatro do Centro Galego. Aquel foi o primeiro dunha serie de xestos desde a emigración cubana que lle deron o pulo definitivo á composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga para a súa aceptación como símbolo de Galicia. A importancia da colectividade emigrante neste proceso é un feito extraordinario diferenciador e desta estrea celebrarse este ano o 112 aniversario. Hai dous anos a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto José Cornide celebraron un acto para conmemorar o 110 aniversario.

O Himno galego nace no tempo apropiado, cando a maior parte das nacións culturais e estados nacionais europeos abordaron o reto de ter símbolos que identificasen a comunidade política á que se dirixía, salienta. Isto significa que que o pensamento político e as pequenas mobilizacións rexionalistas estaban ao corrente do que sucedía no contexto español, ibérico e europeo, tal e como explican os historiadores.

Como os demais himnos, tampouco naceu por decreto, senón que o seu éxito foi froito dun proceso que implica aspectos como que sexa cantado polos orfeóns. Neste caso, reflicte os esforzos do rexionalismo para dotar a comunidade galega de símbolos propios (o himno, a bandeira, un panteón e outros lugares de memoria etc.), pero quizais o máis definitorio do himno galego é o pulo definitivo da colectividade emigrante. No caso de Galicia este impulso non veu de institucións e partidos, senón de América. O himno foi creado en Galicia e despois foi a América, e de alí retornou. Un ano despois da súa estrea a cargo da Banda Municipal da Habana baixo a batuta de Guillermo M. Tomás (máis adiante nomeado académico correspondente da RAG), o himno de Eduardo Pondal e Pascual Veiga foi declarado oficial en todas as festas do Centro Galego da capital cubana. A mesma institución editou en 1909 Apuntes para la Historia del Centro Gallego de la Habana, onde se publica por primeira vez en texto impreso a partitura e o poema. Esta edición foi de grande importancia para a súa expansión en Galicia, destaca o musicólogo Fernando López-Acuña, que na súa quenda se detivo tamén en detalles da creación artística.

A música e o texto do Himno foran compostos en 1890 para un dos concursos convocados co fin de dotar a Galicia dunha "marcha rexional". Foi así o propio Pascual Veiga quen lle pediu a Eduardo Pondal que escribise un poema para o certame musical do Orfeón Coruñés nº4, que el mesmo dirixía. A partitura gañadora para acompañar os versos de Os pinos foi a de Ivo Gotós, pero esta marcha non chegou a estrearse, tal como se anunciara, nas festas da Coruña dese ano, posiblemente por falta de tempo para ensaiala. A música que finalmente acompañaría o poema de Pondal sería a que escribiu Pascual Veiga en previsión de que o premio quedase deserto, repasa o académico correspondente. Unha partitura que, segundo as indicacións de Veiga, debe tocarse moito máis rápido do que hoxe se toca, porque o Himno "é unha marcha", tal e como se puido escoitar noutras das gravacións ofrecidas polo musicólogo no acto.

Na súa estrea na Habana o Himno foi considerado unha obra inédita, pero é posible que fora interpretado con anterioridade. O investigador suxire que Pascual Veiga puido incorporar a composición ao repertorio dos orfeóns que seguiu dirixindo. Pero foi a estrea á outra beira do Atlántico a que marcou o inicio da consolidación do Himno como símbolo de Galicia. Outro fito foi a súa interpretación en Mondoñedo, en 1912, para recibir os restos de Pascual Veiga. Cinco anos despois, en 1917, volveu soar no cemiterio de Santo Amaro da Coruña, na despedida de Eduardo Pondal nas voces dos membros das Irmandades da Fala, que contribuíron dun xeito moi á súa popularización.