O Goberno galego convida aos galegos a ser partícipes na organización dun "Xacobeo de 5.000 días" que permita amosar a mellor Galicia da historia. Logo da reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 da semana pasada, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, fixo fincapé en que o máis importante é que se trata dun proxecto cun horizonte que mira a 2027 e 2032, os seguintes anos santos. Con este obxectivo, asegurou que unha das características máis importantes do Plan estratéxico Xacobeo 2021 é que está dotado cun mínimo de 247,7 millóns de euros.

Grazas á antelación coa que se está a traballar, xa se teñen investido máis de 33 millóns. Feijóo aseverou que este plan estratéxico non podía ignorar os obxectivos que a Galicia da próxima década está a perseguir, resaltando que será un Xacobeo verde, comprometido coa súa autenticidade, con aquilo que máis o identifica: o Camiño, a paisaxe, o patrimonio, a gastronomía propia. Así mesmo, asegurou que será un Xacobeo innovador, capaz de promocionar unha Galicia cada vez máis tecnolóxica, máis dixital e máis comprometida cos sectores emerxentes.

E un Xacobeo familiar, que conxugue os intereses e as visións de todas as xeracións e de todos os colectivos, garantindo que sexa accesible a todos, con independencia da idade, da situación ou do lugar no que viva. Nesta liña, precisou que hoxe hai máis camiños, grazas ao recoñecemento oficial do Camiño de Inverno e o Camiño Portugués da Costa, e coa forza dos Camiños do Norte coa súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O que fixo posible que as rutas xacobeas estean máis diversificadas, e que as alternativas ao Camiño francés estean medrando. A Catedral foi obxecto da maior rehabilitación integral da súa historia: a fachada do Obradoiro xa está rematada e a restauración do Pórtico da Gloria conseguiu incrementar o atractivo da Catedral.

Todas estas melloras e a labor de promoción permitiron que, pese a non haber xacobeos desde o a 2010, o espírito peregrino medrase, cun 20% máis de peregrinos hoxe que no último Ano Santo.