- Como ve o conflito de Ferroglobe coa plantilla da Costa da Morte?

-Con preocupación. Defendemos a non separación dos saltos de agua da actividade das fábricas, pero tamén un plan industrial que xere novas oportunidades. Ogallá cheguen a ser compatibles. O preacordo [sobre o plan industrial da empresa] asínase para asegurar un futuro industrial nas zonas afectadas, sen que nós poidamos decidir de onde saen os recursos para desenvolver o plan. Non imos permitir a separación e, en caso de que se dé, que tería que permitilo a Xunta tras ver se é legal e viable, esixiremos o mantemento dos empregos.

- Pero o preacordo é moi claro e os sindicatos avalárono, asinárono, de aí a saída dos delegados de Cee e Dumbría dos sindicatos.

-Xa se desligaron previamente. O grupo dicía que a situación actual leva ao desastre e daba unha alternativa. Os compañeiros de Cee dixeron que mentres estivese a venda enriba da mesa non ían acudir. Non sei se se poden tomar decisións antes de escoitar á outra parte.

- Pero ten lóxica que non queiran que xente de fóra decida sobre o seu futuro.

-Si, pero estas non son empresas independentes, forman parte dunha gran corporación que opera de xeito global. Nunha multinacional non poden tomar decisións os membros do comité dun único centro de traballo.

- Entón, CCOO aceptou o plan como mal menor e, aínda que vai incluída no preacordo, rexeita a separación das actividades?

-Si, soa contraditorio. Non apoiamos a separación, pero é preciso un plan de industrialización. Que se poden sacar os fondos doutro lado..., estupendo. Que ten que ser por esa vía..., é decisión da empresa. Asínase o preacordo porque, salvo a separación, o plan gústanos. Ou quedamos parados e vemos como todo se afunde ou avanzamos. Ás veces tomas decisións que non che gustan de todo.