As mulleres incorpóranse de forma importante ao mercado laboral nos anos oitenta do século pasado e fano cun sistema produtivo claramente masculinizado, dominado por grandes empresas industriais, condicións de traballo estables e case sen presenza feminina. Neste momento acontecen dous cambios de grande transcendencia: dun lado, a instauración das modalidades de contratación temporal; do outro, o desenvolvemento do Estado autonómico e do conxunto das administracións públicas.

Polo tanto, cando as mulleres se incorporan ao mercado, xa non prevalece o contrato indefinido. Ademais, crecen de xeito exponencial as actividades do sector servizos, en boa parte ligadas á atención ás persoas (que reproducen os roles que a nosa tradición cultural asignou e aínda asigna ás mulleres). Neste mundo laboral, a maternidade non se considera unha contribución social, senón unha función case exclusiva das mulleres que dificulta o seu acceso ao emprego e as súas posibilidades de promoción profesional.

As traxectorias laborais femininas adoitan maiormente descontinuas por factores como a maior presenza das mulleres no emprego temporal ou a tempo parcial non desexado, ou polo maior peso en sectores e ocupacións onde as oportunidades de formación e desenvolvemento son limitadas e os salarios son menores. Tampouco podemos esquecer que o salario adoita medrar coa antigüidade e a experiencia, pero máis no caso dos homes, xa que as súas vidas laborais teñen a continuidade que botamos en falta no caso feminino.

Todo isto ten unha consecuencia: os salarios das mulleres son menores que os dos homes. Dito doutro xeito: hai unha fenda entre os salarios de homes e mulleres.

Tras a reforma laboral, e por culpa das políticas aplicadas coa escusa da crise, esta fenda non fixo mais que medrar e está a provocar que a precariedade e a pobreza teñan rostro de muller.