A CIG celebrou onte unha concentración na Coruña e noutras sete cidades e localidades galegas contra o "novo recorte ao sistema de protección por desemprego que está a preparar o Goberno" ao unificar as prestacións asistenciais que son competencia autonómica e integrándoas na Seguridade Social co obxectivo, segundo denuncia, de "reducir o tempo de percepción e a contía do subsidio".

O secretario xeral da central sindical galega, Paulo Carril, entende que o debilitamento das prestacións dos parados son "unha razón máis para a folga xeral" que ten convocada para o 19 de xuño. A CIG rexeita a fusión das distintas axudas de carácter asistencial por desemprego (os plans PAE, RAI e Prepara) nunha soa e lembra que o Tribunal Constitucional sinala que son de competencia autonómica. "No seu afán centralizador, o PP non fai efectiva a sentenza e busca reformalas vía decreto dende Madrid, aplicando así o artigo 155 ás persoas desempregadas galegas", conclúe o sindicato. A protesta na Coruña foi diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos.