A regulación do autoconsumo eléctrico deseñada polo Goberno e presentada en 2015 provocou inxentes críticas por tratarse dun modelo que impedía o desenvolvemento desta actividade e, entre outras cousas, supoñía un "imposto ao sol" ao gravar a produción de enerxía para autoconsumo amparándose no servicio de respaldo que o conxunto do sistema eléctrico ofrece para cubrir as necesidades dos consumidores cando as súas instalacións son insuficientes. Pese a que xa hai preto de tres anos da aprobación desa normativa polo entonces Ministerio de Industria, daquela encabezado por José Manuel Soria, as posicións contrarias a esta regulación seguen a ser numerosas. É o caso do Consejo Económico e Social (CES), que no seu informe El sector eléctrico en España denuncia que a normativa española sobre autoconsumo inclúe atrancos administrativos que dificultan a actividades en vez de promovela como defende a Unión Europea e fan boa parte dos países comunitarios.

O órgano consultivo do Goberno central aposta pola "necesaria revisión completa da normativa do sector" e do tratamento dos costes regulados para avanzar cara un marco xurídico estable e promover o autoconsumo coa finalidade de lograr "os obxectivos fixados pola directiva comunitaria asegurando unha aplicación neutra para o conxunto dos consumidores".

"A regulación española debería aplicar o principio de simplificación administrativa no tratamento da actividade de autoconsumo principalmente en dous ámbitos: por un lado, nos diferentes trámites fixados para a legalización das instalacións nos distintos territorios en España, resultando desexable a súa harmonización e coordinación", sinala o documento. "Por outro lado, para facer efectivo o dereito recoñecido polas autoridades comunitarias aos autoconsumidores de recibir unha retribución a cambio da enerxía botada á rede", engade o informe.

A entidade que preside Marcos Peña recorda que en España os pequenos produtores -de menos de 100 kilowatt (kW)- poden verter o seu excedente de produción á rede eléctrica sen custo, pero se queren recibir unha compensación económica teñen que facer fronte a "numerosas cargas administrativas e formalidades tributarias". A Comisión Europea, pola contra, propón a retribución da enerxía descargada na rede "como mínimo co seu valor estritamente económico, é dicir, ao prezo de mercado máis as perdas evitadas", ámbolos dous valores establecido de xeito horario.

Pero o CES vai máis aló e non queda só nas súas recriminacións á regulación española do autoconsumo individual, senón que as extende ao compartido. "En liña coas propostas da Comisión Europea, para promover o autoconsumo principalmente nos núcleos urbanos debe considerarse a opción do autoconsumo compartido, que o Real Decreto 900/2015 prohibía en orixe", lamenta o órgano consultivo. "Debe establecerse un marco normativo que permita o seu desenvolvemento así como o da figura de agregador da demanda. Ademais, debería promoverse o uso de baterías como complemento destas instalacións", conclúe o Consejo Económico e Social, que puntualiza que este último asunto relativo aos acumuladores de enerxía tamén está penalizado na normativa actual.

A institución aborda ademais a regulación española en materia de eficiencia enerxética, un asunto que, resalta, debe ser unha prioridade pola súa contribución para afrontar os retos de seguridade enerxética, o cambio climático e a mellora da competitividade da economía. Na súa análise censura que quedou no camiño e non se desenvolveu o plan do Goberno de crear un mecanismo de acreditación da consecución de aforros enerxéticos por parte das empresas, mediante a presentación de Certificados de Ahorro Energético, polo que o único xeito de cumprir os obxectivos de aforro enerxético anual é a contribución financeira ao Fondo Nacional de Eficiencia Energética (FNEE), un instrumento que o CES tamén aposta por modificar. Nese senso propón permitir que as empresas que contribúan ao fondo e as súas organizacións empresariais poidan certificar as súas propias actuacións en materia de eficiencia, ao tempo que insta a que os suxeitos obrigados a facer aportacións as poidan coñecer con antelación.