O Tribunal Supremo admitiu a trámite os recursos presentados por Repsol, a través das súas diferentes filiais, contra a orde ministerial na que se fixan as obrigas de achega de cada empresa ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética para este ano.

Segundo consta no Boletín Oficial do Estado ( BOE) de onte, a compañía presentou recurso contencioso administrativo a través de Repsol Comercial de Produtos Petrolíferos, Repsol Petróleo e Repsol Butano, así como Petronor e Petrocat.

Repsol é o grupo que máis diñeiro achega ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética, cuns 41 millóns de euros a través de todas as súas filiais, dos máis de 204 millóns de euros aos que ascende o fondo.

A contribución obrigatoria, unha figura creada en 2014, é proporcional ás vendas. As empresas enerxéticas xa recorreran ante o Supremo as cantidades que se viron obrigadas a achegar ao fondo nos últimos anos.