Un mundo apenas dixital, con escaseza de teléfonos móbiles, media ducia de canles de televisión, co fax como un artiluxio moi empregado e a Internet aínda en cernes, unha ferramenta descoñecida para boa parte da sociedade, é o escenario no que naceu hai 20 anos -en xullo de 1998- a empresa galega de telecomunicacións R. Dous decenios despois hai xa máis teléfonos móbiles que persoas, as canles de televisión multiplicáronse -tanto en aberto como de pago-, a rede é unha ferramenta de traballo e de lecer para a maioría das persoas e o fax sóalle a moita xente como algo "prehistórico". Neses vinte anos a cableira galega pasou de cero a ofrecer servizo de Internet a través de fibra óptica a máis dun millón de fogares e empresas de Galicia, a contar con preto de 300.000 clientes totais entre residenciais e profesionais e ao redor dun millón de servizos contratados entre teléfono fixo, Internet, televisión e móbilR, que conta xa con 400.000 liñas. O grupo, que agora pertencente á firma vasca Euskaltel, fíxose maior de idade con investimentos de máis de 1.200 millóns de euros e xa dá emprego directo a unhas 200 persoas, ás que se suman outras 1.200 de xeito indirecto. Nos seguintes puntos avalíanse algúns dos principais fitos de R nestes vinte anos.

ENacemento. Os movementos dun amplo grupo de empresas galegas -con Gadisa, Hijos de Rivera, Caixanova e Jealsa entre elas- para crear un operador que ofrecese servizos avanzados de telecomunicacións en Galicia comezaron en novembro de 1997, coa idea de situar a comunidade no mapa da liberalización das telecomunicacións en España. Non obstante, é en xullo de 1998 cando o daquela denominado Grupo Gallego del Cable obtén a licenza para construir unha nova rede de fibra óptica capaz de ofrecer servizos integrados de telecomunicacións tras gañar os tres permisos outorgados en Galicia -A Coruña, Santiago e o resto da comunidade-, polo que esta pasa a ser considerada a data de comezo da actividade da empresa.

EA marca e a captación de profesionais. Pouco máis dun ano despois, o grupo galego encárgalle a unha firma especializada na creación de marcas que deseñe un novo selo para o operador de fibra óptica galego coa idea de achar "un concepto que representase os valores dunha nova Galicia, auténtica e atrevida". Centos de entrevistas a galegos ilustres e á xente da rúa concordaron en ver a comunidade como "unha terra sinxela, sorprendente, con sentidiño, poñendo o corazón en todo e cos pés na terra". Froito desa procura, en maio de 1999 a xunta de accionistas de Grupo Gallego del Cable aproba cambiar a su denominación a R. Neses meses finais de 1998 e comezos de 1999 tamén remata a primeira fase de recrutamento de profesionais en R, "mozos galegos que desenvolvían a súa actividade profesional noutros lugares -como Madrid, Barcelona, Italia...- e que se incorporaron ao proxecto". Un exemplo claro deste recrutamento é o do actual director xeral de R, Alfredo Ramos, que antes estivera en Madrid e no País Vasco.

EPrimeiros clientes e expansión da rede. En maio de 1999 a firma galega do cable acada o seu primeiro cliente particular, na rúa Real de A Coruña, onde ten a súa sede a empresa. Só un día despois R suma outro cliente en Vigo. Nese ano a empresa fai a interconexión entre as sete cidades galegas con máis de 1.000 quilómetros de rede interprovincial de fibra óptica. O despregamento da rede nas cidades de A Coruña e Vigo segue no ano 2000, no que o grupo chega tamén aos 5.000 clientes.

EBeneficios. Nos seguintes anos a empresa seguiu a medrar cunha agresiva campaña de productos -inventa os combos, varios productos na mesma factura-, con chamativas campañas de publicidade en galego -o uso do idioma e a súa forma de facer supuxéronlle numerosos premios neses anos- e coa convicción de que o único xeito de acadar o éxito era "facer as cousas dun xeito diferente". R pecha 2004 como o seu primeiro exercicio con beneficio neto, de 3,7 millóns e xa máis de 100.000 clientes.

EServizo móbil. A compañía gañou dimensión nos seguintes anos e en decembro de 2006 obtivo a licenza para ofrecer servizo de móbiles, polo que en 2007 lanzou móbilR. Un ano despois xa tiña 30.000 liñas de móbil. Nese ano, 2008, cumpría os seus primeiros dez anos de vida con preto de 1.400.000 persoas e máis de 705.000 fogares e locais empresariais que podían acceder aos seus servizos.

EDiversificación. Á chegada do servizo móbil sumáronse outros moitos nos seguintes anos e cada vez con maior oferta de Internet, televisión ou vencellados ao fogar dixital. Hoxe R chega a máis de millón e medio de fogares e empresas de Galicia e está a rematar un plan para cubrir con fibra 81 polígonos industriais de toda Galicia, ao tempo que avanza en ampliar a súa rede para que chegue a máis vivendas.

ECambio de dono. R comezou sendo propiedade dun grande grupo de firmas, entre elas a caixa viguesa Caixanova. Despois o fondo CVC adquiriu o 70% do capital e en 2015 a vasca Euskaltel mercou o 100% da operadora galega, co que está inmersa nunha nova etapa "pero coa mesma filosofía".