Juan Carlos López Corbacho ´´é a cara visible dos 332 traballadores da fábrica de aluminio da Coruña. O presidente do comité de empresa da nova Aluiberia LC non dá por pechado o conflito laboral pese á recente venda das fábricas da Grela e de Avilés (Asturias) da multinacional Alcoa ao fondo de inversión Parter Capital Group. O cadro de persoal enfoca a nova etapa disposto facerse un oco no mercado de transformación do aluminio con produtos de "alto valor engadido" pero tamén a loitar para que o Goberno propicie un prezo eléctrico que permita reactivar a electrólise „o corazón da fábrica„ para volver fabricar aluminio primario e garantir o emprego máis alá dos 24 meses que agora asegura o comprador. Nun conflito laboral que durou case dez meses e que o comité conseguiu posicionar como "problema de Estado" houbo semanas nas que os fillos de Corbacho o viron máis pola tele que na casa. Tras intensas xornadas de negociación, nas que chegou a estar 36 horas sen durmir, acadou o obxectivo de evitar o peche e conseguir un comprador.

A venda a Parter é un "peche en falso" do conflito de Alcoa como di a Xunta?

Para nós non é un peche. É unha oportunidade. Falso era o que estabamos vivindo con Alcoa, unha empresa que en 20 anos aquí non investiu nada e quen tiñan as competencias para vixiar o que se estaba facendo na Coruña eran dos mesmos que din que esto se pecha en falso. A ninguén lle preocupaba darlle a Alcoa axudas sen pedirlle compromisos nin inversión.

Alcoa fíxose coas fábricas de aluminio no 98 durante a privatización do Goberno de Aznar. Establecéronse nese momento as condicións axeitadas para preservar a industria?

Non. Non houbo seguimento das industrias que se deixaron en mans de grandes multinacionais. O gran exemplo somos nós. Alcoa aterrou aquí en once centros de traballo e a día de hoxe so queda San Cibrao. Acloa vendeu, pechou, fixo intercambio de cromos... de todo. Nos levamos dende 2011 reuníndonos cos partidos porque xa entón nos chegan informacións da intención de Alcoa de pechar.

Cadra coa época na que Alcoa deixou de ter unha 'tarifa plana' de electricidade a conta do Estado, non?

Sí, foi máis ou menos cando se lle puido acabar a compensación que a SEPI lle estaba facendo por un prezo da luz fixo que puxera nunha cláusula do contrato de venda. Aí empezan os problemas. O Goberno de turno inventa o sistema de interrompiblidade, primero de asignación directa e despois poxa. Todos os anos houbo un recorte. Todo o que se foi facendo foron parches, pero o sistema estaba sen regular. É unha equivocación tremenda. O sistema de poxa condena a industria a desaparecer.

Alcoa fixo un bo negocio?

Alcoa fixo un bo negocio en España. As plantas da Coruña e Avilés, que xuntas eran a antigua Inespal, de 1998 a 2014 deron 1.490 millóns de beneficio neto. A partir de aí púxosenos o sambenito de que non eramos competitivos. Para desfacerse das plantas españolas, unha vez que tiña outras implantadas en Arabia Saudí, Noruega... Alcoa foi diseccionando a compañía e desfacéndose do grupo por partes. Se tiña que facer recortes de produción, sempre os facía na Coruña ou en Avilés. E agora xa está empezando a recortar na única planta que lle queda, en San Cibrao. Ou espabila o Goberno e busca os mecanismos para ter ese prezo competitivo para a industria ou aquí haberá un novo conflicto e grande porque a fábrica da Mariña é tremenda [1.200 empregos directos]. É practicamente toda a industria da provincia de Lugo. Sería como se pasara por alí un tsunami. Non o podemos permitir.

O comité sempre denunciou que foi a propia Alcoa quen fixo que as plantas desen perdas para xustificar a desinversión.

A nosa planta era obrigada a comprar as materias primas dentro do grupo e o produto terminado tamén o tiña que vender dentro grupo por debaixo do prezo de mercado. Tanto A Coruña como Avilés ían gañar sempre o que quería Alcoa. Estábamos condenados. Era un acoso e derribo. Eses datos afloraron nese proceso e a Xunta e o Ministerio vírono.

O inversor polo que loitaban chegou pero ao final tivo que ser un fondo de inversión, unha opción da que os traballadores receaban. Non houbo maneira de atraer un grupo industrial como pedían ou non quixo Alcoa?

Esa é a incerteza que temos. A nós nos gustaría ter estado no filtro que se facía aos inversores pero non tivemos ocasión. Eramos meramente informados. Alcoa sempre se gardou a última bala para dicir "váleme ou non me vale" e o 28 de xuño quedounos claro que esa bala a quería utilizar.

Ese día foi crítico. Parecía que estaba todo feito e de súpeto Alcoa di que Parter non cumpre... Como o viviron?

Moi crítico. Era o ter loitado todo para nada; sentirte estafado. Nós fomos moi críticos co Goberno porque en moitos momentos faltoulle estar á altura. Aquí véu o presidente do Goberno dicindo que o estatuto xa estaba aprobado e aínda hoxe non está. Pero hai que dicir que o 28 de xuño o Goberno fixo que tiña que facer: apareceu alí, puxo a Alcoa no seu sitio e colleu os mandos dese barco que zozobraba para volver poñelo na liña dunha solución. Tamén o 1 de xullo cando véu a ministra ao hotel e reuniu a todas as partes reforzou moitísimo a negociación.

Parter vén para quedarse?

Nós esperamos que sí. Eles din que non están de paso. De entrada veñen para quedarse. Tamén sabemos que é un fondo de inversión e os fondos invirten para rendibilizar. Esta é unha etapa que nos imos estar obrigados a queimar e saír para adiante. Hoxe en día a nivel global case toda a industria importante ten fondos de inversión detrás. A xente pode falar despectivamente dos fondos buitre pero Alcoa demostrounos que era un buitre. De once centros de traballo está deixando un. Véu facer unha especulación tremenda dun sector estratéxico de futuro [aluminio] que estaba na industria estatal: extrusión, laminación, primario e alúmina; e desfixo todo. Alcoa comportouse aquí como un depredador industrial e agora vaise a outro sitio a ver cal vai ser a súa próxima vítima. Pódenos gustar máis ou menos o que temos enriba da mesa, pero é o único que nos presentaron e polo menos é unha oportunidade. Nós imos tratar de sacala para adiante.

Sempre dixo que a electrólise é o corazón da fábrica. Con ese corazón parado, se non se chegara a reactivar en dous anos, que futuro ten a planta?

Para mín e os meus compañeiros o peor momento deste proceso foi en febreriro cando se para a electrólise. Nesas naves que eran ruidosas, onde estaba o metal a 900 graos e que levaban funcionando en continuo 60 anos, ver todo frío... foi moi difícil de asumir e superar. Nós esperamos arrancar as electrólises. Vestiría o proxecto industrial e daría garantías. Temos que seguir presionando para iso.

O obxectivo destes 24 meses é poñer en marcha esas cubas?

O obxectivo é poñer a empresa na senda de darnos un futuro a medio-longo prazo a todos. O plan industrial está baseado no aluminio secundario, sempre prevendo que se poidan arrancar as electrólises. Visto que en España hai unha dificultade tan grande para sacar un prezo competitivo para a electricidade, non nos parece un mal plan.