Comisións Obreiras de Alcoa na Coruña, hoxe Alu Ibérica LC, liderou a etapa máis difícil e crítica na loita pola viabilidade da nosa fábrica. Esa etapa empezou, practicamente, co mandato 2011-2014 do Comité de Empresa, no que tiñamos a maioría. No ano 2012 enfrontámonos a un gran recorte de produción e á negociación dun axuste temporal (ERTE). No ano 2014 conseguimos salvar un expediente de extinción (ERE), que Alcoa promovera ao non conseguir ningún bloque de interrompibilidade na primeira poxa. No seguinte mandato, 2015-2019, lideramos en minoría o Comité na etapa máis difícil da loita pola viabilidade da nosa fábrica. Negociamos e asinamos dous convenios colectivos, un para o ano 2015 e outro para os anos 2016 ao 2018. Nestes convenios, non só se mantiveron as condicións salariais e sociais na empresa, senón que se melloraron. Hoxe valoramos máis, se cabe, aquel traballo porque ademais conseguimos blindalos contra a reforma laboral. O que viviramos ata entón non sería nada en comparación co que Alcoa nos puxo enriba da mesa o 17 de outubro do 2018. A empresa convocábanos ás 12 da mañá para comunicarnos que pechaban as plantas de Avilés e A Coruña, para o que ía aplicar un expediente de extinción de emprego. Tardamos moi pouco en activarnos dese choque; ao saírmos da reunión, iniciamos o bloqueo da saída de todo o produto fabricado e xuntámonos nunha asemblea xeral para tomarmos as primeiras medidas: unha concentración e corte de tráfico diante da fábrica, acadar unha carpa e montala na entrada da fábrica como campamento. Desde ese preciso intre, foi un non parar.

Ao día seguinte, reunímonos o Comité de Empresa e marcamos a primeira estratexia: montar barricadas diarias con queima de rodas, facer concentracións de luns a xoves diante da fábrica, gañar tempo e non constituír a mesa de negociación para tratar de involucrar na solución ás administracións, partidos políticos, opinión pública, etc.

E Alcoa non se pecha! Fixemos a primeira manifestación na Coruña e só pasaran tres xornadas desde o anuncio do ERE. Era sábado, 20 de outubro, e A Coruña botábase á rúa para nos arroupar na nosa loita. Había milleiros de persoas e foi moi emotivo ver tanto apoio.

O 26 de outubro de 2018, o pleno da Deputación da Coruña fixo un acto especial e unha declaración institucional a favor da continuación da fábrica. O 28 de outubro abrimos nas redes sociais unha solicitude de sinaturas para evitar o peche das plantas da Coruña e Avilés. Esa mesma noite, na metade dun partido, o estadio de Riazor berraba: "Alcoa non se pecha".

O 29 de outubro fixemos a primeira marcha en roupa de traballo, desde a fábrica á Delegación de Goberno. Aínda podo escoitar o son dos cascos, cando as compañeiras e compañeiros batían con eles contra o chan diante da Delegación, ao berro de "Alcoa non se pecha". En moitas ocasións tivémonos que repartir, pois uns debiamos ir a Madrid a reunións e outros quedaban na Coruña para organizar as mobilizacións diarias: todos os días se acendían barricadas na entrada da fábrica e facíanse concentracións. O 31 de outubro era un deses días que tiñamos que estar en Madrid a primeira hora, no Congreso dos Deputados, pois era interpelada a ministra de Industria polo noso conflito e incluso puidemos falar con ela, mentres outros compañeiros quedaban na Coruña e participaban cos compañeiros de Navantia nunha marcha pola cidade.

E Esquivando o ERE. O 8 de novembro fomos á primeira manifestación en Avilés. Eramos moitos menos, pero todo o mundo soubo que estabamos alí, sempre nos mobilizamos con moito ruído e colorido, é o noso sinal de identidade. O 10 de novembro fixemos unha das mobilizacións máis bonitas; o escenario era espectacular, a carón da Torre de Hércules. Esa mesma noite volvemos ao estadio de Riazor a berrar "Alcoa non se pecha".

O 13 de novembro converteuse en algo insólito: unha manifestación dentro dun centro comercial (Marineda City). O colorido e os cánticos que faciamos en calquera mobilización no exterior, alí magnificábanse e foi algo espectacular, o mesmo que a reacción de todo o público e persoal das tendas, aplaudíndonos e animándonos.

Ao día seguinte, levamos a cabo unha mobilización solidaria consistente nunha camiñada ata o banco de alimentos Rías Altas e conseguimos xuntar unhas cinco toneladas de alimentos. O 17 de novembro, outra mobilización nun espazo espectacular: a praza de María Pita. Alí puidemos escoitar o manifesto lido por José Antonio Touriñán e pendurar do balcón do concello a pancarta de "Alcoa non se pecha".

O 18 de novembro tocaba unha longa viaxe ata Róterdam para acudir o 19 ao xuízo contra Alcoa pola demanda do Comité Europeo (Euroforum); tamén para reunirnos en Bruxelas con responsables políticos do Parlamento Europeo.

O 26 de novembro organizamos unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña e o 27 acudimos a Madrid para constituír a comisión negociadora do ERE. Levabamos máis dun mes esquivando facelo e mesmo a Dirección Xeral de Emprego nos dera un ultimato. Alí solicitamos que retirasen o ERE e abrisen un proceso de venda das plantas; negáronse a facelo e decidimos ir protestar onde máis lles doía, e para o 30 de novembro convocamos unha concentración diante das portas da planta de San Cibrao. Aquela mobilización puxo a Alcoa tan nerviosa que cando chegamos alí había tanta garda civil como manifestantes.

E O Nadal máis duro. O 7 de decembro percorremos as prazas de abastos da Coruña e repartimos carteis e dípticos explicativos do problema que nos levara á situación actual e as solucións que estábamos reclamando do Goberno. Foi un día moi emotivo porque recibimos o cariño e o apoio de vendedoras e clientes.

O 12 e 13 de decembro leváronse a cabo a segunda e terceira reunións do período de consultas do ERE en Madrid. O 14 de decembro manifestámonos na Coruña, desde o edificio de sindicatos á Ponte Pasaxe e volta. O 19 de decembro de 2018 mobilizámonos conxuntamente co persoal de Avilés; o persoal de cada unha das fabricas fixo una marcha a pé pola estrada, na marxe do río Eo na súa comunidade autónoma, para xuntármonos ao cabo na localidade de Vegadeo.

O 20 de decembro celebrouse a cuarta reunión do período de consultas do ERE en Madrid e o 21 fixemos outra mobilización solidaria e entregámoslle á Cruz Vermella na Coruña unha partida de xoguetes reunida coas achegas do persoal. Esta época era especialmente dura, nunca viviramos unha Noiteboa e un Nadal con tanta incerteza e preocupación polo futuro.

A empresa comportábase de xeito miserable, podía ampliar o prazo de negociación para deixarnos pasar coas nosas familias esas datas cun pouco de tranquilidade, e non o fixo. Convocounos para o 27 de decembro, nesta reunión xogabamos todo; ou ampliabamos ou non había nada que facer. Desde A Coruña organizamos autobuses para concentrarnos diante do hotel onde se desenvolvería a quinta reunión de consultas. Aquela foi unha reunión moi tensa; os que representaban a Alcoa na mesa non tiñan capacidade de decisión e todo chegaba por teléfono desde Pittsburgh. Ao final, e grazas á presión que se exerceu dentro e fóra do hotel, ampliáranse as negociación ata o 15 xaneiro de 2019.

E Acordo decisivo. A primeira das reunións no SEPE (14 de xaneiro de 2019) foi pouco frutífera. A empresa ofertara adiar a aplicación do ERE ata o 1 de xullo e accedía a abrir un proceso de venda das plantas, pero para iso querían que aceptásemos negociar un plan social para executar os despedimentos se non se vendían; e, ademais, que durante ese período para a venda das plantas se aplicase un ERTE nas empresas. Nós resistiámonos a negociar calquera plan social e propuxemos que Alcoa deixase nun fondo o diñeiro do peche e indemnización e traspasase a titularidade das plantas ao Estado, para que fose o Goberno o que logo as vendese.

A reunión do 15 de xaneiro era a decisiva e foi maratoniana. Empezamos ás dez da mañá e rematamos ás oito e media da mañá do día seguinte; houbo un montón de recesos. Esixiamos que calquera proceso de venda fose acompañado de investimentos, se non, ninguén ía investir nas plantas. Alcoa esixía que avanzásemos nas nosas propostas, e tiñamos que propoñer un plan social para executar os despedimentos, por se a venda das plantas non se materializaba e ameazaban con que o acordo tiña que ser por unanimidade entre as representacións das dúas fábricas. A todo isto, os cadros de persoal mantiñan unha concentración permanente fóra do SEPE.

Non avanzabamos e, a media noite, mentres estábamos reunidas as dúas representacións para ver como desatascabamos a negociación, recibimos unha chamada do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; dicía que non tiveramos dúbida ningunha en avanzar para o acordo, pois o Goberno lle transmitira que garantía o pleno emprego alén do 1 de xullo de 2019, e repetiu o mesmo por dúas veces. Ese feito fixo que se desencadearan os acontecementos e a negociación por fin avanzara. De madrugada tiñamos sobre a mesa o preacordo que finalmente se alcanzou, con investimentos para reindustrializar as plantas ou o arranque das electrólises, un plan social en óptimas condicións por se fallaba a primeira das opcións, que era a venda das plantas. Á hora de asinar o preacordo, a CIG dixo que non o asinaba e todo o que conseguiramos na negociación xa non valía para nada, pois o preacordo esixía asinalo por unanimidade. Formouse un gran rebumbio e voaron as chamadas por teléfono; ao cabo dun tempo, os avogados da empresa chamáronnos para continuar coa reunión dicíndonos que ían eliminar a esixencia da unanimidade no preacordo, xa que asegurábanlles que non se impugnaría.

Tocaba regresar ás plantas e explicar o preacordo ao persoal e tamén como se alcanzou. Chegamos á Coruña a media tarde do 16 de xaneiro sen apenas descansar en dous días. Para o outro día, 17 de xaneiro, tiñamos convocada unha asemblea xeral e explicamos o preacordo. A CIG dixo que eles votarían non ao mesmo, pero que respectarían e aceptarían o que o persoal decidise. Deixáronse tres días para a reflexión e o 21 de xaneiro realizouse un referendo para votar o preacordo. O persoal acudiu masivamente a votar (91%) e o 90,54% ratificouno. O resultado era contundente, igual que o fora en Avilés, e iso que alí o Comité de Empresa estaba unido e co mesmo criterio, non como na Coruña.

O persoal dixo "si" a abrir o proceso de venda da fábrica con capital para inversións, que de fracasar, contemplaba manter unha parte das instalacións e tiña a protección dun plan social que entre outras coberturas prevía indemnizacións de 60 días por ano traballado e sen límite ningún. De gañar o "non" a fábrica enfrontaríase á execución do ERE co peche total de instalacións e o despedimento de todo o cadro de persoal cunha indemnización de 20 días por ano que, como moito podería denunciarse, e de ter a sorte de gañar (logo de varios anos), poder conseguir un despido improcedente con indemnizacións de 45 ou 33 días por ano traballado, dependendo da antigüidade de cadaquén. O "non" era o precipicio e tamén o fin do noso camiño. ¿Quen ía entender que logo de tres meses de loita decidíramos pechar a fábrica antes que abrir un proceso de venda?

E A fractura. O 30 de xaneiro tivemos que ir á Inspección de Traballo en Madrid para pechar o período de consultas do ERE e presentar o acordo acadado. Para sorpresa e estupefacción de todos, atopámonos con que os que apostaran polo "Non" presentaron un escrito ao inspector de traballo dicindo que non aceptaban o acordo, malia que na asemblea de traballadores se comprometeran a asumilo. Tivemos sorte e aquel suceso non tivo consecuencias; púidose pechar o período de consultas e abrir o proceso de venda das plantas ata o 30 de xuño de 2019.

A fractura na representación da Coruña deixounos en minoría con respecto de Avilés, cando en todo o proceso e ata a firma do preacordo estábamos en maioría. Non podíamos parar ou entreternos en loitas estériles, éramos menos e quedaba moito por facer para buscar un investidor; reunións da Mesa Técnica do Ministerio de Industria; da Comisión de Seguimento do acordo do ERE; para facer o "Libro de venda da fábrica". Tíñamos que seguir adiante coa mesma dinámica do principio, organizando mobilizacións, reuníndonos coas administracións, partidos políticos e, sobre todo, estando nos medios de comunicación para que ninguén se despistase na busca de solucións.

E O corazón da fábrica. O 2 de febreiro manifestámonos diante dos portos de Vigo e Vilagarcía para protestar pola entrada de aluminio estranxeiro. Sen lugar a dúbidas, as xornadas máis duras e tristes deste proceso para todos os que queremos a nosa fábrica foron o 5 e o 11 de febreiro. Eses días pararon as series de electrólise (o corazón da fábrica), o baleiro que se sentía era moi grande. Pero non tiñamos tempo que perder na procura de solucións, e o mesmo 5 de febreiro, mentres uns asistíamos á primeira reunión da Mesa Técnica Estatal no Ministerio de Industria para buscar un investidor para as plantas, outros reuníanse coa ministra de Industria na Delegación do Goberno.

E Os rostros de Alcoa. O 14 de febreiro foi a primeira reunión de seguimento do acordo do ERE coa empresa en Madrid. O 24 de febreiro gravamos unha película nun espazo aberto (Tribuna Pública) na que traballadores da fábrica se presentaban como persoas e non como un simple número nun ERE de extinción.

O 1 e 8 de marzo volvemos reunirnos na Xunta de Galicia para finalizar o Libro de venda da fábrica. O 11 de marzo foi a segunda reunión da Mesa Técnica Estatal, na que se presentaron os libros de vendas das dúas plantas e nos avanzaron os primeiros datos dos investidores que se interesaran por elas.

O 16 de marzo presentouse publicamente a película Os rostros de Alcoa na praza da fábrica de tabacos. O acto pechouse con grande emoción e sorpresivamente, xa que ao final da proxección achegouse un ancián que pasaba por alí e dixo que nos escoitara e presentouse ante todos igual ca nós na película; dixo chamarse Francisco García, o enxeñeiro que puxera en marcha a fábrica nos seus inicios.

O 28 de marzo de 2019, fixemos unha concentración diante do Congreso cos compañeiros de Avilés; ademais, tiñamos concertadas reunións con todos os partidos e tamén co secretario xeral de Industria. Esta mobilización adquiriu especial relevancia pola dureza empregada polas forzas da orde. Sen motivo ningún, tiráronnos ao chan e bateron en nós; entre outros, en varios representantes de CCOO, o secretario xeral de Industria, o secretario xeral de Industria de Galicia, o secretario xeral de CCOO de Galicia, a varios deputados de Unidas Podemos, e ata levaron detido un compañeiro da fábrica. Aquelas imaxes en que eramos represaliados por defender os nosos postos de traballo deron a volta ao país. Mais aquilo non rematou alí. Meses máis tarde, un xulgado de Madrid, amparándose nuns atestados policiais inventados e contraditorios, abriu dilixencias previas ao presidente do Comité de Empresa, ao secretario xeral de CCOO de Industria de Galicia, a dous deputados e dúas deputadas de Unidas Podemos, así como a dous traballadores de fábrica; investigándoos por un presunto delito de atentado contra a autoridade.

E Electrointensivas. Despois de moito tempo intentándoo, por fin conseguimos sumar outras empresas electrointensivas ás nosas mobilizacións e o 20 de maio fixemos unha manifestación en Santiago. O 8 de xuño, de volta na Coruña, levamos a cabo a segunda manifestación das electrointensivas galegas.

O 18 de xuño de 2019 foi outro deses días significativos da nosa loita. A presión de Avilés porque fosen comprados por un investidor que non apostaba pola Coruña, e ver como o Goberno se desentendía do control do proceso de venda e encima nos deixaba fóra dunha reunión da Mesa Técnica Estatal, onde sempre estiveramos, levounos a pecharnos na Delegación do Goberno, mentres na rúa se concentraban para apoiarnos centos de compañeiros. Permanecemos alí 12 horas e saímos unha vez que tiñamos na man a convocatoria da Mesa Técnica Estatal para o 20 de xuño.

E A venda. O 20 de xuño confírmannos que só queda un único investidor interesado nas dúas plantas (Parter Capital Group) e que o que só se interesaba pola planta de Avilés (Quantum) definitivamente fora descartado por Alcoa ao non cumprir as esixencias financeiras para comprar as plantas.

O 28 de xuño é outro deses días marcados en vermello neste proceso que non vai esquecer ninguén. Alcoa nos comunica que Parter non cumpre os requisitos financeiros e, polo tanto, non van seguir co proceso de venda. Logo descubriuse que a propia Alcoa cambiara as normas e esixía que Parter xustificase a súa liquidez financeira doutro xeito. Á reunión do 1 de xullo asistiu a ministra Maroto e acadouse un principio de acordo para dar unha moratoria no proceso de venda ata o 31 de xullo; nese tempo, Parter tiña que demostrar a súa solvencia ingresando nunha conta de Alcoa 15 millóns de dólares por planta. E así ocorreu. Ese día foi moi especial, invadíanos a alegría e o orgullo por salvar aquela situación límite. Nunca esqueceremos a frialdade da despedida e as présas con que os responsables de Alcoa saíron da reunión. Cumpriramos co noso deber; a fábrica seguía aberta e todas e todos traballando nela.

E Riesgo.Os traballadores de Alu Ibérica retomaron as mobilizacións en abril despois de que Parter vendese as plantas sorpresivamente ao Grupo Riesgo. Os comités da Coruña e Avilés consideran que a revenda vulnera o acordo de compravenda do 31 de xullo baixo a tutela de Industria. Hoxe está convocada a Mesa de Alu Ibérica, na que o Goberno ten a última palabra sobre o futuro das plantas.