O comité de empresa de Alu Ibérica da Coruña denunciou esta mañá que a dirección do Grupo Riesgo, ao que pertencen as plantas da antiga Alcoa, non aboou as cotizacións da Seguridade Social en abril. "Para a nosa sorpresa hoxe pola mañá fomos informados desde a Inspección de Traballo da Coruña que a empresa ten sen pagar as cotizacións da Seguridade Social do mes de abril", sosteñen os traballadores, que tamén sospeitan de impago en maio. "Desde a Inspección de Traballo din que de momento non teñen datos do mes de maio, informan que as cotizacións páganse a mes vencido, e o 30 de xuño deberían de haber pagado o mes de maio, pero ata pasado o 10 de xullo non poderán contrastar a situación de maio", engaden nun comunicado.

"Ante os problemas con impagos a diversos provedores por parte do Grupo Industrial Riesgo", sinala o comité, o pasado 18 de xuño de 2020 "trasladouse un escrito á Inspección de Traballo da Coruña para que se nos informase do estado actual do pagamento das cotizacións á Seguridade Social por parte de Alu Ibérica LC S. L. ".

Ante esta situación, os traballadores solicitan "de urxencia a intervención da empresa". "Non pode permitir o goberno por máis tempo esta situación, e menos sendo nós o proxecto que está baixo a tutela do Ministerio de Industria", aseguran os representantes sindicais.