08 de noviembre de 2020
08.11.2020
La Opinión de A Coruña

"Estannos invitando a marchar do rural, cada día unha casa apaga luces"

08.11.2020 | 03:06
"Estannos invitando a marchar do rural, cada día unha casa apaga luces"

A proliferación de parques eólicos reactivou plataformas veciñais e mobilizacións de afectados, como Salvemos a Comarca de Ordes, con manifestacións de apoio de alcaldes da mancomunidade (Ordes, Mesía, Frades, Oroso, Trazo, Tordoia, Cerceda). Mesía, un dos grandes concellos leiteiros de Galicia, teme o impacto destes proxectos. Un dos veciños afectados é Baldomero Iglesias, Mero, escritor, cantante e mestre que acaba de xubilarse. Vai ter uns vinte aeroxeneradores arredor da casa.

É un dos que está movilizando aos veciños ante a futura instalación de catro proxectos eólicos.

Non estamos contra os eólicos, pero non poden escarallar esta zona agraria. Van poñer tres aeroxeneradores de douscentos metros de alto detrás do colexio. Aquí hai xente que modernizou as granxas, alumnos meus, pedindo créditos, puxéronnas en ecolóxico, e agora non poderán cobrar a PAC porque con estes muiños tan preto non lle aceptan o de ecolóxico. En Mesía tiraron as vacas tolas, Villar Mir abriu minas que quedaron a ceo aberto, hai barreiras...Parece o vertedoiro de España. E agora isto. Aquí van catro proxectos pero é un mesmo macroparque, que vai atravesar todo o concello con liñas de alta tensión ata Mesón do Vento. E nin sequera son empresas galegas, nin hai rebaixas de prezos por soportar isto, nin vantaxes sociais.

A Xunta di que teñen informes favorables, que cumpren e por iso se autorizan.

Estannos invitando a marchar do rural, e despois a Xunta gasta cartos en publicidade, Ruralízate. Como pode haber no goberno tanta xente sen sentido? E os proxectos tramítanse con nocturnidade. De seguir así vai haber en Galicia unha paisaxe monolítica de eucalitos e aeroxeneradores . Hai unha agresión á paisaxe e ao sentido común. Aquí nin temos ben internet, os móbiles apenas teñen cobertura. Só se acordan de nós para tirar os lodos dos filtros, por exemplo. Eu cando vin para aquí fixen analíticas de todas as fontes con sona de ser medicinais, e estaban de marabilla, e aos dez anos repetín as análises e estaban todas contaminadas. Queremos un país habitable e un futuro digno.

No medio dunha pandemia, aínda é máis difícil mobilizarse.

Estamos creando unha plataforma veciñal pero nestas circunstancias... E falar por internet é case imposible. E aprovéitanse diso e de que a maioría aquí é xente maior, sen capacidade de revirarse, non lles vou pedir que se mobilicen, na última etapa da súa vida teñen que estar tranquilos. E entendo que se unha persoa de renta moi baixa lle dan 3.000 euros ao ano por poñerlle un eólico nas súas terras, acepten. Aquí todos os días se apagan luces nas casas, morre xente e marcha.. .Péchannos o porvir. Pero resistiremos e loitaremos, ainda que teñamos que pagar do noso peto, aínda que sexa unha loita desigual.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia